Uns minutos na BD: Libro de horas de Isabel a Católica
No vídeo de hoxe, seguindo o fío de destacar tesouros da Biblioteca onde as mulleres tiveron un papel significativo, traémosvos o Libro de horas de Isabel a Católica, un facsímile do manuscrito que se atopa no Palacio Real de Madrid, o exemplar 162 dunha tirada de 980.
Os libros de horas eran recompilacións de salmos, rezos, oracións e himnos, con orixe nos salterios de monxes e monxas, pero que a partir do século XIII, aínda que abreviados, popularizáronse como libro persoal de oracións para segrares. O seu nome vén dos rezos que se facían nas oito horas canónicas do día.
Está realizado en vitela e escrito con letra gótica caligráfica tardía con iniciais de tipo quebrado, do século XV. Apréciase o pautado a lápis de chumbo, e tamén son visibles os reclamos de cadernos.
É unha das obras mestras da bibliografía universal, pola beleza das súa miniaturas e polo seu alto número. As ilustracións son de estilo flamenco, moda que pasou a España despois do matrimonio dos fillos dos Reis Católicos cos fillos dos Duques de Borgoña.
Podedes consultar este facsímile coa sinatura RA/81.
[embed]https://www.youtube.com/watch?v=Kw7OJrgXygA[/embed]