Estás en:Emprego Novas

A Deputación promociona o patrimonio histórico da provincia no calendario anual da revista National Geographic Historia

O calendario, que xa está nos puntos de venda de todo o Estado, ofrece un percorrido histórico desde os vestixios neolíticos ata a arte urbana actual, pasando pola pegada romana, a época medieval, a tradición xacobea ou a arquitectura modernista

A Deputación promociona o patrimonio histórico da provincia no calendario anual da revista National Geographic Historia

A área de Turismo da Deputación da Coruña, que xestiona o vicepresidente Xosé Regueira, difunde o patrimonio histórico da provincia no calendario da revista National Geographic Historia. Trátase dunha acción de promoción turística dirixida a un público obxectivo específico, xa que se distribuirán un total de 16.000 exemplares do calendario en todos os puntos de venda da revista no Estado.

O Faro de Punta Nariga, en Malpica de Bergantiños, protagoniza a portada do calendario deste ano que se presenta baixo a epígrafe 'A Coruña provincia, unha viaxe pola historia'. A mencionada viaxe comeza no Neolítico, dedicando xaneiro ao proxecto do Parque do Megalitismo da Costa da Morte, protagonizado polo Dolmen de Dombate e a Pedra da Arca, e remata no último mes do ano cun apartado titulado 'Vistas ao futuro' que relaciona paisaxe, cultura e contemporaneidade exemplificada cunha fotografía da obra 'O Mirón' de Arteixo e outra do mural de Yoseba Muruzábal 'Fina de Carballo: a muller nitromón' en Carballo.

É o segundo ano consecutivo que a área de Turismo da Deputación aposta por promover os recursos da provincia a través do calendario desta revista especializada en viaxes e turismo co obxecto de, en palabras de Xosé Regueira "dirixirnos a un tipo de visitante interesado no turismo cultural, relacionando elementos patrimoniais destacados do noso territorio co seu contexto histórico e dando cabida a todos os xeodestinos da provincia".

Este percorrido histórico inclúe petróglifos do proxecto Compostela Rupestre, concretamente o petróglifo de Correxíns e a Nave de Mourigade; cos castros de Baroña e Borneiro para ilustrar o proxecto do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro; e coa Torre de Hércules e o xacemento de Caldoval en Mugardos para ilustrar a pegada romana. O mes de maio chega coa Idade Media e unha fotografía do Mosteiro de Caaveiro e os frescos da Igrexa de San Antoniño de Toques, e continúa en xuño coa igrexa de San Francisco de Betanzos e o Castelo de Vimianzo. Xullo está dedicado ao barroco e á Catedral de Santiago de Compostela, e continúa en agosto co Mosteiro de Santa María de Sobrado e o de San Martiño Pinario en Compostela. A relación da provincia co mar, coa tradición xacobea ou a arquitectura modernista tamén están presentes a través do Castelo de Santo Antón na Coruña, o Pazo de Mariñán en Bergondo, o Santuario da Virxe da Barca en Muxía, Cabo Fisterra ou a Casa Abrigada en Cambre.

O vicepresidente e responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, basea a promoción institucional na sustentabilidade e na diferenciación e orientándoa cara a "un tipo de turismo consciente, socialmente responsable e que busca a autenticidade dos destinos que visita". A revista de Historia da National Geographic é das máis prestixiosas do sector cunha tirada de ao redor de 16.000 exemplares, seguidos maiormente por un público que aposta polas viaxes no seu tempo de lecer.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X