Estás en:Emprego Novas

A Deputación e o IMCE renovarán a súa colaboración para xestionar o Teatro Colón en 2022

O pleno aprobou hoxe o convenio, polo que a Deputación achegará medio millón de euros para financiar os custos de programación e de mantemento das instalacións

A Deputación e o IMCE renovarán a súa colaboración para xestionar o Teatro Colón en 2022

A Deputación da Coruña e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) do Concello da Coruña renovarán en 2022 o modelo de xestión conxunta do Teatro Colón.

O convenio que rexerá esta colaboración foi aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas no pleno provincial celebrado hoxe. Deputación e Concello da Coruña colaboran desde o 2018 na xestión do teatro, que é propiedade da institución provincial, aínda que está integrado na rede pública de espazos culturais municipais.

Valentín González Formoso salientou que a xestión compartida ao longo destes anos "conta cun balance moi positivo pola calidade da programación ofrecida, cunha elevada asistencia de público aos eventos programados no teatro", tal e como reflicten as enquisas realizadas en colaboración coa Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña. O presidente provincial tamén fixo fincapé na aposta da Deputación pola cultura e os seus axentes, "en especial nestes momentos de reactivación despois da crise xerada pola covid-19 no sector".

A Deputación achega a través deste acordo unha cifra de 500.000 euros, dos que 350.000 serán dedicados a financiar os custos da programación e 150.000 ao mantemento das instalacións. Dentro destes últimos, o ente provincial comprométese a aboar gastos en materia de acondicionamento de ascensores, instalacións térmicas, aire acondicionado, ventilación, extracción ou auga quente sanitaria, mantemento de instalacións eléctricas, de protección contraincendios e equipos electrónicos, así como equipamento escénico e o sistema de transmisión de eventos a través de streaming. Tamén se inclúen tarefas de fontanería, saneamento, carpintaría e cerraxería.

Pola súa banda, o IMCE aboará os custos do persoal de xerencia do Teatro e de asistencia técnica, así como dos espectáculos e actividades, difusión e publicidade destes, venda de entradas, limpeza do inmoble e o seguro de espectáculos.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X