Estás en:Emprego Novas

A Deputación e a USC renovan a súa aposta conxunta pola promoción e a difusión do coñecemento, a ciencia e a cultura

Valentín González Formoso e María do Mar Lorenzo asinaron o convenio a través do que o ente provincial achega 108.000 euros para cofinanciar a programación cultural, artística e científica da Universidade neste 2021

Subvenciónanse con esta achega programas para captar talento novo no eido das ciencias, así como actividades formativas, congresos, exposicións ou espectáculos musicais e teatrais, entre outros

A Deputación e a USC renovan a súa aposta conxunta pola promoción e a difusión do coñecemento, a ciencia e a cultura

A Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) renovan a súa aposta conxunta pola difusión e fomento da educación, a investigación e a transferencia do coñecemento. O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, a vicerreitora da USC, María do Mar Lorenzo, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, asinaron esta mañá na sede provincial o acordo co que a Deputación achega 108.000 euros para financiar o 80% do programa de actividades de promoción cultural, artística e científica da Universidade, que conta cun custo total de 135.000 euros.

Ambas institucións renovan outro ano máis a súa colaboración para levar a cabo diversos programas e actividades cos que se busca "contribuír a descubrir talento novo, co obxectivo de impulsalo e ofrecerlle oportunidades para continuar desenvolvendo o ámbito científico no noso territorio, así como para difundir o coñecemento, chave para seguir progresando como sociedade", argumentou González Formoso no encontro con Lorenzo.

Detectar e estimular o talento do alumnado

A Deputación cofinancia deste xeito iniciativas que contribúen a detectar e capacitar talento novo, como o proxecto ESTALMAT-Galicia, que ten como obxectivo estimular as capacidades matemáticas en alumnos de 12 e 15 anos. Esta acción comezou a súa andaina en Galicia no ano 2007 e a súa máxima prioridade é promover vocación no campo das ciencias, co fin de asegurar que os talentos matemáticos e científicos detectados non se perdan, contribuíndo ao desenvolvemento científico da provincia.

Dentro desta aposta, tamén se financia a iniciativa A Ponte entre a USC e o Ensino Medio, coa que se quere captar os mellores expedientes procedentes do bacharelato e de ciclos formativos. Así mesmo, levaranse a cabo programas de achegamento a USC e de formación de titores para orientar á mocidade no eido universitario.

Programación cultural

No relativo á programación cultural, o ente provincial dá apoio a espectáculos como a XXI Mostra de Teatro Universitario de Galicia, os encontros orquestrais de nadal da orquestra da USC ou o ciclo de concertos de Schubert. Tamén se inclúen na axenda a exposición do catálogo 'A lexión de Palas da USC' e a posta en valor e musealización do patrimonio histórico-artístico da USC cun programa pedagóxico. Así mesmo, lévase a cabo dentro da programación actividades para incentivar á industria cultural galega tras a covid-19.

Tamén teñen cabida dentro dos proxectos subvencionados os congresos e seminarios científicos encamiñados ao intercambio de coñecemento, o programa universitario 'Camiño de coñecemento e experiencia' (para maiores de 50 anos) ou a acción 'Small Cinemas'. Este último configura un evento anual de carácter internacional que se celebra desde 2009 e no que se reúnen especialistas do ámbito académico para estudar as cinematografías de países e culturas con linguas minorizadas, nacións sen estado ou entidades políticas con estatutos singulares.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X