Estás en:Emprego Novas

A Deputación e o Concello da Coruña renovan a súa colaboración para xestionar o Teatro Colón ata 2023

Valentín González Formoso e Inés Rey asinaron o convenio de colaboración para os vindeiros dous anos

A Deputación achegará medio millón de euros para financiar os custos de programación e de mantemento das instalacións

A Deputación e o Concello da Coruña renovan a súa colaboración para xestionar o Teatro Colón ata 2023

A Deputación da Coruña e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) do Concello da Coruña renovan o modelo de xestión conxunta do Teatro Colón para os vindeiros dous anos.

O presidente Valentín González Formoso, a alcaldesa da Coruña e presidenta do IMCE, Inés Rey, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, asinaron hoxe na sede da sede do ente provincial o convenio de colaboración para manter este traballo conxunto no bienio 2022/2023. Ambas as dúas institucións veñen colaborando desde o 2018 na xestión do teatro, que é propiedade da Deputación desde 1997, aínda que está integrado na rede pública de espazos culturais municipais.

Valentín González Formoso salientou que a xestión compartida ao longo destes anos "conta cun balance moi positivo pola calidade da programación ofrecida, cunha elevada asistencia de público aos eventos programados no teatro", tal e como reflicten as enquisas realizadas en colaboración coa Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña. O presidente provincial tamén fixo fincapé na aposta da Deputación pola cultura e os seus axentes, "en especial nestes momentos de reactivación despois da crise xerada pola covid-19 no sector".

A Deputación achega medio millón

A Deputación achega a través deste acordo unha cifra de 500.000 euros, dos que 350.000 serán dedicados a financiar os custos da programación e 150.000 ao mantemento das instalacións. Dentro destes últimos, o ente provincial comprométese a aboar gastos en materia de acondicionamento de ascensores, instalacións térmicas, aire acondicionado, ventilación, extracción ou auga quente sanitaria, mantemento de instalacións eléctricas, de protección contraincendios e equipos electrónicos, así como equipamento escénico e o sistema de transmisión de eventos a través da emisión en directo. Tamén se inclúen tarefas de fontanería, saneamento, carpintaría e cerrallería.

Pola súa banda, o IMCE aboará os custos do persoal de xerencia do Teatro e de asistencia técnica, así como dos espectáculos e actividades, difusión e publicidade destes, venda de entradas, limpeza do inmoble e o seguro de espectáculos.

Uso do polideportivo do IES Rosalía Mera para actividades deportivas

Valentín González Formoso e Inés Rey asinaron tamén o convenio de colaboración polo que a Deputación permite ao Concello da Coruña o uso das instalacións do pavillón polideportivo do IES Rosalía Mera para o desenvolvemento de actividades deportivas.

O pavillón do Rosalía Mera poderá ser utilizado entre as 19.00 h e as 0.00 horas de luns a venres e as fins de semana sen limitación de horario, salvo restricións horarias que se determinen pola situación sanitaria.

As entradas e saídas realizaranse directamente desde a rúa, sen acceder a outras estancias do centro educativo. O Concello da Coruña encargarase da limpeza e desinfección diaria e de supervisar os protocolos anti-Covid. A Deputación encargarase do mantemento das instalacións.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X