Estás en:Emprego Novas

O Arquivo da Deputación pon en valor o labor social e feminista de Juana de Vega a través da Asociación de Señoras da Beneficencia e o Hospicio Provincial

Recupera o proceso de creación da entidade, o seu aloxamento no Hospicio Provincial, o regulamento desta e a acción social que leva a cabo coa fórmula da beneficencia en feminino

A través desta achega, a Deputación continúa visibilizando o traballo de dixitalización do Arquivo, de importante valor como parte do patrimonio cultural galego

O Arquivo da Deputación pon en valor o labor social e feminista de Juana de Vega a través da Asociación de Señoras da Beneficencia e o Hospicio Provincial

Nunha nova entrega do 'Documento do mes', o Arquivo da Deputación da Coruña pon en valor a labor social e feminista de Juana de Vega, canalizada a través da Asociación de Señoras da Beneficiencia e o Hospicio Provincial.

No documento, titulado 'Beneficencia liberal en feminino: Juana de Vega, a Asociación de Señoras e o Hospicio Provincial', recóllese o procedemento de creación da Asociación de Señoras da Beneficencia da Coruña, fundada no ano 1838 por Juana de Vega, para a que a beneficencia social era un deber cívico baseado no principio liberal na procura da felicidade.

A Asociación estaba formada por damas progresistas de familias vinculadas á burguesía comercial e a fidalguía aburguesada como Francisca Roldán, herdeira do conde de Taboada e viúva de Agar; Pilar Losada e Miranda, filla do conde de Maceda e esposa do conde de Priegue; Rosa Taboada e Mondragón, casada con Loriga, capitán xeneral de Galicia; Amalia da Rúa Figueroa, nai de Emilia Pardo Bazán; Antonia Suarez de Deza, filla do señor de Láncara, casada con Manuel Calderón e María del Carmen Mosquera e Ribeira, filla do marqués de Guimarey, esposa de José María Bermúdez de Castro, comandante da Milicia Urbana e presidente da Deputación da Coruña. Todas elas, cidadáns progresitas influentes, de formidable peso económico, político e social, achegan reputación e caudais á entidade. O seu embrionario feminismo aproveita a única saída viable ao espazo de participación cidadá, facendo da beneficencia en feminino unha fórmula de acción social.

No texto recollido no arquivo provincial destácase que a Asociación concentra a maior parte das atencións no Hospicio Provincial, creado pola Deputación da Coruña nunha complexa fusión de edificios en 12000 m2. O Hospicio Provincial, tamén coñecido como Casa da Misericordia, comunica o Hospital fundado por Teresa Herrera coa abandonada Fábrica de mantelerías de Monte Alto, adquirida por Juana de Vega e cedida posteriormente ao ente provincial xunto cuns terreos anexos. Na peza difundida polo Arquivo Provincial tamén se pode consultar o plano do Hospicio e o regulamento da Asociación, que foi aprobado o 26 de xuño de 1855.

A través desta nova entrega do 'Documento do mes', o ente provincial continúa visibilizando o traballo de dixitalización do Arquivo Provincial, de importante valor como parte do patrimonio cultural galego, fonte de información e memoria das sociedades pasadas. As publicacións están comentadas pola historiadora e directora do Arquivo Provincial, Carmen Molina.

Ligazón ao 'Documento do mes' de xaneiro do Arquivo da Deputación da Coruña:

https://arquivo.dacoruna.gal/index.php/download_file/47802/

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X