Estás en:Emprego Novas

Poñerlle rostro e nome e apelidos ao Xeoparque de Ortegal, a aposta da Deputación da Coruña en Fitur

Representantes do tecido económico, cultural e deportivo da comarca protagonizan unha serie de vídeos que serán presentados no acto oficial da Deputación en Fitur, o vindeiro venres 21 ás 12h

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, asegura que "tras a aposta política por impulsar a candidatura de Cabo Ortegal á certificación de Xeoparque, agora é o momento de difundir a dimensión social e as potencialidades económicas deste territorio"

Poñerlle rostro e nome e apelidos ao Xeoparque de Ortegal, a aposta da Deputación da Coruña en Fitur

Desde empresarios como Roberto Tojeiro ata o coreógrafo e director da compañía Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, pasando por xogadores do equipo de voleibol Aldebarán de San Sadurniño ou o propietario do centro equestre Granxa do Souto, son os encargados de poñerlle voz a proxectos que se están a desenvolver no territorio do Xeoparque de Ortegal. As súas intervencións, xunto coas dos alcaldes e alcaldesa dos sete concellos do Xeoparque e a do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, están a ser recollidas en pequenos documentos audiovisuais que se presentarán o vindeiro venres en Fitur.

A área de Turismo da Deputación da Coruña volve a participar no principal foro turístico a nivel estatal poñendo o foco no proxecto do Xeoparque de Cabo Ortegal e nos recursos turísticos desta comarca. "Toda vez que a nosa aposta política por impulsar a candidatura de Cabo Ortegal á certificación de Xeoparque xa está clara, agora é o momento de difundir a dimensión social e as potencialidades económicas deste territorio" asegura Xosé Regueira a respecto do enfoque do acto institucional do seu departamento en Fitur. Neste sentido, o vicepresidente lembra que desde a área provincial de Turismo xa se leva anos traballando concienzudamente e que agora "este traballo sitúanos nun momento especialmente ilusionante porque, como vimos repetindo nos últimos meses, estamos practicamente na antesala da elite mundial do sitios xeolóxicos".

Á dimensión científica e xeolóxica, súmaselle nesta ocasión a perspectiva humana, identificando e dándolle voz a persoas que están a desenvolver proxectos moi diversos e en distintos sectores de actividade económica, cultural e deportiva. Serán catro micropezas audiovisuais as que se proxecten no acto oficial da Deputación da Coruña en Fitur e estarán protagonizadas polos alcaldes e a alcaldesa dos sete concellos que forman parte do proxecto Xeoparque de Cabo Ortegal – Moeche, San Sadurniño, Cerdido, Cariño, Ortigueira, Cedeira e Valdoviño-, e por unha persoa representativa dun proxecto de cada un dos concellos. Así, desde o Concello de Moeche intervirá o empresario Roberto Tojeiro, desde San Sadurniño participan xogadores do equipo de voleibol Aldebarán, Cerdido aposta pola plantación de arandos 'Horticina', Cariño promove a empresa de conservas de pescado La Pureza, desde Ortigueira participa o centro equestre Granza do Souto, Cedeira dálle voz a un artesán de 'sanandreses' e Valdoviño ao coreógrafo e director da compañía Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz.

O acto da Deputación presentarase baixo o epígrafe 'Cabo Ortegal. Unha viaxe ao centro da Terra' e terá lugar no stand de Galicia o venres 21 ás 12h. Convén lembrar que Fitur é un dos principais escaparates mundiais do sector turístico en que se dan cita os máis importantes axentes do sector. Neste contexto, é unha ocasión de especial relevancia para impulsar o Proxecto de Xeoparque de Ortegal e, de maneira especial, os importantes avances que se desenvolveron con respecto á candidatura.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X