Estás en:Emprego Novas

A Deputación financia a posta en marcha de dúas cooperativas dedicadas ao marketing dixital en Boiro e As Pontes

A sede da Fundación Paideia Galiza acolleu onte a entrega de premios do Concurso de Proxectos Cooperativistas no sector do Márketing Dixital, impulsado pola Deputación e a propia fundación

O ente provincial dará apoio financeiro ás dúas gañadoras para o inicio do proxecto durante o ano 2022, incluíndo salarios e gastos de constitución

A Deputación financia a posta en marcha de dúas cooperativas dedicadas ao marketing dixital en Boiro e As Pontes

A Deputación da Coruña financiará a posta en marcha de Kracia e Iceberg 360, as dúas propostas de cooperativas gañadoras do Concurso de Proxectos Cooperativistas no sector do Márketing Dixital. Uns galardóns organizados polo ente provincial e a Fundación Paideia Galiza.

O alumnado da formación "Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo", desenvolta nos municipios das Pontes e Boiro, estivo organizada pola Escola de Organización Industrial (EOI), a Fundación Paideia Galiza e a Deputación, coa colaboración de Ernst&Young e dos concellos mencionados, e co financiamento do Fondo Social Europeo.

Os mozos e mozas promotores de Kracia, Iceberg 360 tiveron ocasión de presentar e defender os seu proxectos de cooperativas no sector do márketing dixital tras meses recibindo clases nesta formación.

Aposta provincial polo emprendemento

Despois de deliberar, o xurado seleccionou a Kracia, de Boiro, e Iceberg 360, das Pontes, como gañadoras do concurso. Ambas propostas de cooperativas recibirán agora o apoio financeiro da Deputación da Coruña para poñerse en marcha durante este ano 2022. As achegas provinciais ascenden a 60.000 euros e inclúen o pago de salarios e gastos de constitución. Ademais, durante todo este ano, as cooperativas contarán co asesoramento da consultora internacional Ernst&Young para a xestión e o desenvolvemento comercial.

Durante o encontro, o deputado de Emprego e membro do xurado, José Ramón Rioboo, destacou que "as persoas emprendedoras e empresarias son o motor de desenvolvemento económico desta provincia. Son todos eles e elas os que xeran novos postos de traballo, modernizan o noso tecido empresarial e, en definitiva, contribúen ao benestar da cidadanía e ao progreso económico."

Unha vez máis, a Deputación presta o seu apoio a un dos colectivos máis vulnerables do mercado laboral, a mocidade, ofrecéndolles as ferramentas necesarias para que se formen nun campo con amplas perspectivas laborais como é o marketing dixital e sempre fomentando a economía social, impulsando a creación de novas cooperativas.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X