A Deputación abre a convocatoria da Rede Cultural cun orzamento de 1.900.000 euros
Debido á situación derivada da Covid-19, o período de realización de actuacións estenderase até o 31 de marzo de 2023, tal e como se fixo nas convocatorias de 2020 e 2021
Artistas, empresas e compañías teñen desde mañá e ata as 14 horas do 1 de febreiro para inscribir os seus espectáculos na nova edición da Rede Cultural da Deputación da Coruña. O prazo para que os concellos presenten ás súas solicitudes de actuacións estará aberto do 11 ao 22 de marzo. As resolucións comunicaranse nunha terceira fase, desde o 12 de abril. Por mor da situación derivada da Covid-19, e tal e como se fixo nas convocatorias de 2020 e 2021, o período de realización de actuacións estenderase máis alá de final de ano; nesta ocasión, até o 31 de marzo de 2023.
A institución provincial investirá este exercicio 1.900.000 euros nun programa que nos últimos anos se consolidou como o circuíto de programación cultural máis sólido e estable de Galiza e que aposta pola difusión e a promoción da música, do folclore, do teatro, da danza, do cine e das demais manifestacións artísticas.
Como en anteriores anos, o catálogo da Rede Cultural nesta edición estará formado por catro programas: "Escena ao vivo!" (para espectáculos profesionais de teatro, música, monicreques, maxia, danza e circo), "Visións" (para cinema e contidos audiovisuais), "Lingua a Escena!" (para espectáculos profesionais de música, teatro, danza, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega) e "Alicerce" (para grupos de música, danza e teatro non profesionais).
No caso de "Alicerce", ademais dos concellos, poderán contratar propostas artísticas non profesionais as entidades sen ánimo de lucro da provincia que teñan entre as súas finalidades a promoción da cultura. Dependendo do volume de solicitudes e o orzamento dispoñible, a achega provincial será de entre un 70% e un 50%.
A Rede Cultural da Deputación ofreceu en 2021, 1.409 espectáculos en todos os concellos da Coruña, para o que investiu un total de 2.617.391 € euros, dos que 1.551.240 € se corresponden á achega da área de Cultura, dirixida por Xurxo Couto.