Estás en:Emprego Novas

A Deputación aposta en Fitur pola dimensión sustentable de Cabo Ortegal como destino turístico

A presentadora Paula Vázquez será a encargada de conducir o acto institucional da Deputación en Fitur, enfocado a promover as potencialidades turísticas do proxecto do Xeoparque de Cabo Ortegal

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, avoga por "amosar a autenticidade e singularidade de Cabo Ortegal como destino turístico e a importancia de promocionalo desde parámetros de sustentabilidade, e que xere ingresos para a comunidade local"

A Deputación aposta en Fitur pola dimensión sustentable de Cabo Ortegal como destino turístico

A presentadora Paula Vázquez será a encargada de participar como mestra de cerimonias no acto de presentación do Xeoparque de Cabo Ortegal que promove a Deputación da Coruña en Fitur. Terá lugar o venres 21 ás 12h no stand de Galicia e contará coas intervencións do vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, do alcalde de Cariño e actual presidente da Asociación do Xeoparque de Cabo Ortegal, José Miguel Alonso, e da consultora Goodlife, María Mesías, como referente de empresa local.

A filosofía da presentación responde á necesidade de aproveitar Fitur, como un dos principais escaparates do turismo a nivel mundial, "para poñer no mapa turístico Cabo Ortegal, dirixíndonos a un tipo de visitante responsable, consciente e respectuoso coas particularidades do territorio" asegura Xosé Regueira. Segundo explica o vicepresidente "nesta ocasión, queremos achegar ao público o Xeoparque Cabo Ortegal dándolle voz ás persoas que viven e traballan neste territorio, como un xeito de amosar a súa auntenticidade e singularidade como destino turístico e a importancia de promocionalo desde parámetros de sustentabilidade, e que xere ingresos para a comunidade local".

Pola súa banda, a presentadora Paula Vázquez asegura que é "unha honra participar como mestra de cerimonias na presentación" e adianta que será "un encontro para falar en primeira persoa da nosa riqueza cultural, dos nosos tesouros xeográficos e mesmo gastronómicos". Tamén indica que terá presente "o cariño e o respecto polo medio ambiente, a preservación e o coidado do legado dos nosos ancestros".

Na presentación da Deputación proxectaranse catro pequenas pezas audiovisuais protagonizadas por distintos axentes económicos dos sete concellos que conforman o proxecto, desde empresarios de distintos sectores ata representantes do deporte ou da cultura. Nos vídeos tamén se inclúe a presenza institucional do proxecto, coa participación dos alcaldes e alcaldesa e do vicepresidente da Deputación. O acto do venres 21 tamén está previsto que conte co apoio das administracións locais, representadas por alcaldes, alcaldesa, concelleiros e concelleiras do territorio, polo vicepresidente da Deputación, e por representantes do departamento autonómico de Turismo.

Convén lembrar que o acto da Deputación se presentará baixo a epígrafe "Cabo Ortegal. Unha viaxe ao centro da Terra" e que este proxecto, impulsado desde a área de Turismo da Deputación, está conformado polos concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido, Cariño, Ortigueira, Cedeira e Valdoviño. Neste momento a candidatura de Cabo Ortegal é unha das propostas para a certificación Gobal Park da UNESCO.

Ademais da presentación do proxecto do Xeoparque de Cabo Ortegal, Xosé Regueira manterá ao longo dos tres días de Feira un importante número de encontros e xuntanzas profesionais con distintos axentes turísticos a nivel estatal e internacional. O vicepresidente tamén intervirá noutras presentacións de carácter provincial como a presentación do '35 aniversario Abanca Pantín Classic Galicia Pro 1988-2022'; na presentación 'Ferrolterra-Rías Altas: patrimonio vivo"; e na presentación 'Barbanza – Arousa, experiencias na orixe da tradición Xacobea'.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X