Estás en:Emprego Novas

As exportacións da provincia medran unha media anual do 2,6% na última década, segundo o informe económico da Deputación e o Club Financeiro de Santiago

O documento foi presentado polo deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, e o presidente do Club, Roberto Pereira, esta mañá na sede provincial

Rioboo, destacou que "se trata dunha guía" para as áreas económicas dos Concellos, e incidiu na importancia de que "as administración públicas fomentemos estudos coma este, que nos dan unha visión exacta da situación económica, lonxe de calquera subxectividade política"

Pereira amosou a disposición da entidade a seguir colaborando en próximos informes "e que xuntos construamos esta biblioteca, que é a única de Galicia que fai a disgregación por comarcas"

A análise dá datos do territorio e recursos naturais, poboación, mercado de traballo, estrutura produtiva e sector público

As exportacións da provincia medran unha media anual do 2,6% na última década, segundo o informe económico da Deputación e o Club Financeiro de Santiago

A Deputación da Coruña e o Club Financeiro de Santiago presentaron hoxe o Informe de Coxuntura Económica (ICE), que realiza unha radiografía completa da realidade económica da provincia da Coruña, tanto a nivel comarcal como municipal. O documento dá datos económicos das dezaoito comarcas con incidencia: Arzúa, Barbanza, A Barcala, Bergantiños, Betanzos, A Coruña, Eume, Ferrol, Fisterra, Muros, Noia, Ordes, Ortegal, Santiago, O Sar, Melide, Terras de Soneira e Xallas.

O arquivo, editado polo Club Financeiro de Santiago e subvencionado polo ente provincial, foi presentado esta mañá na sede da Deputación polo presidente do Club, Roberto Pereira, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo. O informe permite coñecer en detalle os datos do territorio e recursos naturais (núcleos de poboación, densidade e catastro), poboación (movementos migratorios e condicións de vida), mercado de traballo (paro, contratacións e pensións), estrutura produtiva (PIB, sectores produtivos, e demografía empresarial) e sector público (facendas locais, gastos e ingresos municipais).

Rioboo sinalou a importancia de que "as administración públicas fomentemos estudos coma este, que nos dan unha visión exacta da situación económica nos diferentes ámbitos da nosa provincia, lonxe de calquera subxectividade ou intencionalidade política". O deputado de Emprego agradeceu ao equipo de profesionais do Club Financeiro de Santiago "as achegas deste documento, que son de utilidade para os Concellos e as súas áreas de Economía, xa que servirá como guía para enfocar o que deben facer nos seus municipios".

O presidente do Club Financeiro tamén agradeceu a colaboración da Deputación co informe, "o ente provincial entendeu que esta obra achega moitísima información". Pereira indicou que se trata "dunha publicación de consulta" e sinalou que forma parte dunha serie de números, sendo este o cuarto, que analizan a situación económica da provincia ao longo dos anos. O presidente da entidade argumentou que este informe é diferente dos outros "polos problemas que xurdiron a raíz da pandemia, debido aos que tivemos que agrupar dous anos neste número".

Con esta documentación as persoas interesadas poden consultar a evolución dos datos nas diferentes comarcas que integran a provincia, así como a información do seu conxunto. "A nosa idea e seguir nesta liña de colaboración coa Deputación moitos máis anos e que xuntos construamos esta biblioteca, que é a única de Galicia que fai a disgregación por comarcas", informou Pereira.

A análise foi elaborada por un equipo investigador composto por cinco expertos economistas: David Rodríguez, profesor de Análise Económica da UDC; Emilia Vázquez, profesora de Economía Cuantitativa da USC; María Bastida, docente de Organización de Empresas e Comercialización da USC; Maite Cancelo, profesora titular de Economía Aplicada da USC; e Miguel Vázquez Taín, profesor titular de Economía Pública e Sistemas Fiscais da USC.

En relación ao mercado exterior, as exportacións na Coruña pasaron dos 6.022 millóns de euros en 2010 aos 7.818 millóns de 2020. Isto supón unha taxa de crecemento medio anual do 2,6 %. O maior impacto da crise provocada polo coronavirus sobre as vendas exteriores da provincia fai que o peso das vendas de Galicia baixase. Ademais, a crise económica do 2020 fai que as exportacións da Coruña reduzan o seu peso representando o 41,5 % do total galego neste último ano. En 2019 representaba o 49,3 %.

O groso do comercio exterior da Coruña diríxese cara a países da Unión Europea (57,9 %), destacando Francia (14,6 %), Portugal (11,8 %), Polonia (9,3 %) e Reino Unido (7,8 %). As relacións comerciais co continente americano só supoñen o 5,1 % das exportacións actuais, sendo os destinos máis importantes EEUU (2,4 %) e Brasil (0,6 %).

A Coruña presenta unha elevada concentración das súas exportacións no sector téxtil, como consecuencia do peso da multinacional Inditex. En 2019 a confección de roupa de vestir supoñía o 47,3 % das vendas ao exterior da provincia. En 2020, e como consecuencia da crise económica causada pola pandemia, diminuíu ata o 44,7 %.

Forte dependencia do sector servizos e baixada da industria

O volume do PIB galego creceu un 1,8 % en 2019, pero a crise causada polo coronavirus provocou un descenso do 8,9 % en 2020. No que vai deste ano, as cifras aínda son negativas (-2,9 % no primeiro trimestre). Prevese que esta tendencia se traslade a todas as comarcas da comunidade.

Os últimos datos a nivel provincial son de 2018 e mostran que o valor do PIB por habitante na provincia da Coruña é superior ao da media galega, alcanzando os 24.500 euros. O peso da provincia no PIB é maior ao que representa en poboación: achega o 41,5 % de poboación e o 45,5 % do PIB rexional.

Os valores máis altos do PIB por habitante localízanse nas comarcas de Eume con 34.000 euros por habitante, A Coruña con 30.000 e Santiago con 27.000. No lado contrario, Muros sitúase na peor posición con apenas 13.000 euros por habitante.

Entre 2016 e 2018 o sector industrial gañou un punto no Valor Engadido Bruto (VAB) de Galicia, recuperándose así do descenso producido entre 2014 e 2016. En 2019 observouse unha baixada do 1,4 % na comunidade galega, mentres no conxunto de España incrementábase un 1,7 %. En 2020 estes índices foron do -8,6 % e -9,6 %, respectivamente. Os primeiros datos de 2021 preséntanse esperanzadores, cun crecemento de VAB industrial en Galicia do 1,2 %, similar ao de España.

Na provincia da Coruña o sector servizos supera o 70 % do VAB total. A industria supón o 17,3 %, a construción o 7,4 % e o sector primario o 4 %. En canto ao sector industrial por comarcas, na Coruña destaca a metalurxia (27,8 %), a industria agroalimentaria (23,6 %) e o resto da industria (24,5 %). En Santiago prima a rama da madeira, papel e mobles que, cun 25,8 %, representa un maior peso na súa industria, seguida da metalurxia (21,6 %). En Ferrol e en Eume despunta a rama da enerxía que supón o 31,4 % e o 86,3 % do VAB industrial, respectivamente. En Barbanza sobresae a industria agroalimentaria que supón máis do 80 % do total industrial da comarca.

Menos mulleres no mercado de traballo

En 2020, a poboación parada rexistra un incremento de 8.000 persoas. Así, Galicia acumula un total de 146.700 persoas paradas, das que un 52,6 % son mulleres. Este aumento supón interromper a senda decrecente iniciada en 2010, aínda que as circunstancias excepcionais derivadas da pandemia suxiren que será unha situación pasaxeira.

Tamén diminúe o número de persoas en situación de actividade e pérdense 20.200 traballadores. Con estes datos confírmanse dúas tendencias previamente detectadas: a diminución paulatina da poboación activa en Galicia e a súa concentración nas provincias da Coruña e Pontevedra. Isto tamén se traslada á poboación ocupada, que diminúe en 21.000 persoas durante o 2020.

Estes dous índices afectan máis as mulleres que representan o 77 % da caída da poboación activa en Galicia e o 76 % da diminución da poboación ocupada.

A análise xeral da evolución dos grupos poboacións revela unha caída importante da poboación activa e ocupada, así como un incremento da parada. Estas variacións son máis notables nas provincias atlánticas e afectan con maior intensidade ás mulleres.

Con estes datos, constátanse os efectos provocados pola pandemia da covid-19: en 2020 o paro aumentou en todas as comarcas da provincia coruñesa.

Crece o número de pisos turísticos

Durante o 2020 e principios de 2021, o turismo foi un dos sectores máis afectados pola pandemia. O bienio 2021-2022 preséntase como unha oportunidade para recuperar a economía deste eido coa promoción do Xacobeo 2021-2022.

En 2021, Galicia oferta 212.573 prazas en establecementos turísticos, un 17,7% máis que en 2019. Este crecemento da oferta está motivado polo Ano Santo. Na provincia da Coruña hai 78.034 prazas, o que supón o 36,7 % do total galego. As prazas en vivendas de uso turística representan o 30 % da oferta total con 23.560.

A Coruña e Santiago son as únicas comarcas que gañan poboación

A densidade de poboación da provincia coruñesa é considerablemente superior á media de Galicia, 141,3 hab/km2 fronte aos 91,4 hab/km2. A comarca da Coruña sobresae porque se sitúa en 859 hab/km2. Esta cifra cuadriplica a densidade das seguintes zonas máis habitadas: Barbanza (266), Santiago (248) e Ferrol (244). Pola contra, as comarcas de Ortegal, Arzúa, Terras de Melide e Xallas quedan por baixo dos 40 habitantes por quilómetro cadrado.

Ademais, a dinámica de presión poboacional modificouse nos últimos anos concentrándose nas comarcas de Santiago e A Coruña. En 2020, son as únicas onde se incrementou a densidade de poboación.

A provincia da Coruña concentra ao 41,5 % da poboación galega. Por comarcas, A Coruña acumula a maior porcentaxe (36,3 %), seguida de Santiago (15,1 %) e Ferrol (13,5 %).

O equipo investigador do Informe de Conxuntura Económica aposta por identificar as novas tendencias da sociedade para poder deseñar plans de atracción e redistribución da poboación. Unha das preocupacións da cidadanía é mellorar a súa calidade de vida. Neste sentido, as modalidades de teletraballo favorecen a redistribución da cidadanía máis aló dos núcleos urbanos.

En canto ao saldo vexetativo, entre os anos 2010 – 2018 obsérvase unha perda de poboación tanto en Galicia como na provincia coruñesa. Esta tendencia empezou a cambiar en 2019 cando se observou un lixeiro crecemento na provincia do 0,02 % e seguiu en 2020 cun aumento do 0,20 %. Con todo isto, Galicia perdeu 95.834 habitantes entre 2010 e 2020, sendo o 25,7 % da provincia.

En canto á evolución e estrutura da poboación por idades, os datos do ICE evidencian o progresivo envellecemento da mesma: un 13 % é menor de 16 anos, o 62 % ten entre 16 e 64 anos e o 25 % é maior de 64. No referente ao saldo vexetativo todas as comarcas presentan saldos vexetativos negativos.

Betanzos é a comarca con maior débeda por habitante

Sobre o gasto público dos municipios constátase unha forte contracción dos recursos administrados polas facendas locais ata o ano 2012 e unha lixeira recuperación nos últimos anos.

Os concellos tentaron paliar a caída dos seus ingresos, derivada da crise económica e das medidas de consolidación orzamentaria, recorrendo ao Imposto sobre Bens Inmobles. Isto é así especialmente no caso dos máis urbanos, como A Coruña e Santiago, os cales presentan ingresos en termos por habitante que superan con fartura a media provincial e galega.

Polo que respecta ao endebedamento municipal destaca, con carácter xeral, a súa importante redución entre os anos 2010 e 2017. Aínda que, evidéncianse fortes diferenzas entre municipios, sobresae a comarca de Betanzos con 371 euros por habitante, Barbanza (143), Orde (130) e A Coruña (123). No lado oposto e sen débeda pública atópanse as comarcas de Arzúa, Fisterra, Ortegal e Xallas.

As limitacións impostas normativamente para garantir a estabilidade orzamentaria impediron que a administración local puidera actuar como motor para contrarrestar os efectos da crise e mesmo contribuíron a agravala coa subida dos impostos municipais

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X