Estás en:Emprego Novas

O Foro Económico e Social da Deputación radiografía a realidade da provincia da Coruña

No encontro tratouse o nivel de execución das infraestruturas estratéxicas, os prezos no ámbito enerxético, a actividade industrial e a necesidade de "potenciar a formación para crear novas oportunidades laborais"

Ao remate da sesión, González Formoso sinalou a necesidade de impulsar a formación para o emprego e "explorar as potencialidades da provincia, sobre todo no ámbito enerxético e no da investigación para poder ofertar oportunidades laborais no país para a mocidade"

Destacouse o escenario de oportunidades que abren a Cidade das TIC na Coruña e o polo biotecnolóxico da Sionlla, en Santiago, para desenvolver dous sectores fundamentais para o futuro do país

A Deputación destinará este ano 8,3 millóns de euros ao PEL "máis social e sostible"

O Foro Económico e Social da Deputación radiografía a realidade da provincia da Coruña

Formoso presidiu o Foro, integrado por representantes dos sindidcatos, a patronal, as universidades da Coruña e Santiago, os axentes sociais da provincia e a propia Deputación

O Foro Económico e Social (FES) da Deputación da Coruña reuniuse esta mañá no Pazo de Mariñán, en Bergondo, para reflexionar e analizar a situación social e económica da provincia co fin de deseñar plans estratéxicos nos eidos clave para o futuro do territorio coruñés.

O encontro estivo presidido polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e contou coa participación das forzas sindicais, a patronal, as dúas universidades da provincia (Universidade da Coruña e Universidade de Santiago de Compostela), así como outros axentes sociais. Todos eles abordaron temáticas como o desenvolvemento industrial, o prezo da enerxía, o emprego e a loita contra a covid-19.

Segundo sinalou González Formoso, na reunión do Foro analizáronse os parámetros cos que pecha 2021 a provincia coruñesa en relación ao emprego e á recuperación da actividade industrial, así como as perspectivas que teñen o Banco de España e entidades bancarias de crecemento para este ano. "Abordamos tamén a situación de presión alcista que estamos a vivir con respecto aos prezos no ámbito enerxético e, en xeral, en todos os elementos de consumo industrial e social", manifestou Formoso.

Ao longo da sesión tamén se falou do nivel de execución das "infraestruturas estratéxicas" para o país como a chegada do AVE ou a conexión ferroviaria dos portos exteriores da Coruña e Ferrol, así como das "potencialidades que hai que explorar, sobre todo no ámbito enerxético e no da investigación para poder ofertar oportunidades laborais no país para a mocidade", argumentou o presidente provincial á saída do Foro.

Neste sentido, un dos temas abordados na reunión de hoxe foi o "escenario de oportunidades" que abren tanto a Cidade das TIC na Coruña coma o polo biotecnolóxico da Sionlla, en Santiago, para desenvolver dous sectores fundamentais para o futuro do país.

Ao longo da sesión de hoxe, as persoas participantes traballaron en ámbitos estratéxicos para o territorio, achegando novas liñas de actuación no que respecta á demografía, á formación, á igualdade de oportunidades e ao emprego, en consonancia cos Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible 2020-2023 (ODS) e o Plan de Recuperación e Resiliencia. Todo isto sen perder de vista que estes eixes estratéxicos deben, ademais, contribuír á mellora dos sectores produtivos clave, como son o agropecuario, o pesqueiro, o marisqueiro e acuícola, o comercio, o turismo e os servizos sociais.

A Deputación dedicará 8,3 millóns ao PEL máis social e sostible

En relación ao eido do emprego, o deputado responsable desta área provincial, José Ramón Rioboo, destacou a necesidade de "potenciar a formación para o emprego, que é un dos principais piares para o acceso ao mundo laboral". O deputado sinalou as oportunidades que pode presentar o feito de "involucrar á empresa privada de diferentes sectores para potenciar a formación, sobre todo na mocidade". Rioboo expresou que nesta faceta "temos que incidir desde as administracións", facilitando a transferencia de coñecemento do mundo académico ao empresarial.

O deputado explicou que "quizais hai que impulsar o I+D a nivel educativo" e incidir na problemática coa que se atopan a industria e as empresas, "que denotan falta de man de obra en ámbitos coma o transporte ou o téxtil".

Rioboo tamén adiantou que o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación será neste 2022 "máis social, sostible e cunha maior dotación económica". A Deputación destinará, concretamente, 8.260.000 euros a sufragar estas axudas no presente ano.

Este importante investimento fomentará a actividade económica dos sectores máis afectados pola crise económica derivada da pandemia, reforzará o apoio a empresas dos eidos estratéxicos emerxentes, dando prioridade tamén a aquelas iniciativas empresariais con actividades enmarcadas nos ámbitos recollidos na Axenda de Competitividade Galicia-Industria 4.0.

Unha aposta polo emprego que busca coidar e fortalecer as empresas xa existentes na provincia, mellorando a súa resiliencia, pero tamén dinamizando e poñendo en marcha o maior número de iniciativas posible.

Espazo de diálogo para construír o futuro da provincia

O FES foi creado en febreiro de 2021 como espazo común de traballo e diálogo permanente entre a Deputación e os principais axentes sociais da provincia. A súa finalidade é a promoción da análise, o debate e a reflexión da situación económica e social da provincia, a avaliación das medidas concretas de actuación das institucións, a formulación de propostas e solucións en materia económica e social, así como a colaboración na planificación estratéxica de proxectos no ámbito da provincia.

A través deste Foro, o ente provincial busca facer fronte aos principais retos para acadar unha transformación de futuro, sostible e perdurable. Un desenvolvemento económico que favoreza a cohesión e o equilibrio territoriais grazas a unha planificación e implementación axeitada das infraestruturas e servizos que axuden a garantir o benestar social e a calidade de vida da cidadanía.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X