Estás en:Emprego Novas

A Deputación destina 3,2 millóns de euros para apoiar “o labor fundamental” das entidades sociais da provincia

Valentín González Formoso destaca que 257 entidades sociais accederon o ano pasado ás axudas da Deputación, que permiten mellorar as condicións de vida de miles de persoas en situacións especialmente vulnerables

Cinco liñas de axudas apoian o traballo diario das entidades nos eidos da atención á infancia, familia e mocidade, a poboación maior, as persoas con diversidade funcional, drogodepententes e persoas en risco de exclusión

As axudas permiten contratar persoal, realizar melloras nos centros ou financiar programas de rehabilitación, tratamento e inserción social e laboral

A Deputación destina 3,2 millóns de euros para apoiar “o labor fundamental” das entidades sociais da provincia

Visita do presidente e a deputada de Benestar Social a AMICOS (Boiro), unha das 257 entidades sociais que reciben o apoio da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña destina este ano 3,2 millóns de euros a entidades sociais da provincia para o mantemento dos seus centros, programas e servizos, así como para dar apoio a investimentos e iniciativas de loita contra a violencia de xénero e políticas de igualdade.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a convocatoria das cinco liñas de axudas coas que o ente provincial promove o traballo que se realiza desde as entidades sociais, fundamentais para garantir o estado de benestar e protexer os dereitos da cidadanía. Poderán optar ás subvencións as entidades sen fins de lucro con sede social na provincia da Coruña ou que desenvolvan a súa actividade nesta.

Con esta importante achega "queremos apoiar o labor fundamental que desenvolven as entidades sociais da provincia da Coruña en eidos especialmente sensibles como a atención á infancia, familia e mocidade, os maiores, as persoas con diversidade funciona, o tratamento das drogodependencias e adiccións e cos colectivos que se atopen en risco de exclusión", explicou o presidente, Valentín González Formoso, que subliñou a "importante aposta social da Deputación nos últimos anos, a máis grande da súa historia, cun orzamento que coloca as persoas no centro das nosas políticas para que ninguén quede atrás".

"Este ano destinaremos 3,2 millóns de euros en axudas que servirán para contratar persoal, realizar melloras e ampliacións dos centros ou financiar programas importantes de rehabilitación, tratamento ou inserción social e laboral", explicou o presidente, que remarcou que o ano pasado 257 entidades da provincia accederon ás axudas da Deputación.

Pola súa banda, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, destacou estas liñas de subvencións como "esenciais para axudar ao traballo diario das entidades que desenvolven un papel moi importante na mellora das condicións de vida de miles persoas e familias en situacións especialmente vulnerables", dándolles un espazo no que continuar desenvolvéndose para buscar un futuro mellor e acceder a novas oportunidades, sempre en igualdade.

A deputada de Igualdade, María Muíño, destacou tamén os 420.000 euros que a Deputación destina este ano a axudas no eido da loita contra a violencia de xénero e a igualdade.

800.000 euros para o mantemento de centros

Un dos programas provinciais dedicará 800.000 euros ao mantemento de centros sociais da provincia, financiando con este orzamento salarios de traballadores, transporte, adquisición de equipamento e material, provisións e seguros, entre outros. As contías que se han percibir oscilarán entre un mínimo de 10.000 e un máximo de 120.000 euros e permitirán desenvolver os centros de menores e de atención á infancia; ludotecas; residencias de maiores; centros de atención diúrna e nocturna; vivendas comunitarias; apartamentos tutelados; centros ocupacionais, de rehabilitación psicosocial e laboral; unidades asistenciais e terapéuticas; centros de tratamento do alcoholismo; bancos de alimentos; albergues; ou comedores sociais.

800.000 euros para o mantemento de programas e servizos

Dentro das súas axudas, a Deputación inclúe tamén un investimento de 800.000 euros para mellorar a implementación de programas e servizos no eido. As cifras das achegas irán dun mínimo de 1.000 a un máximo de 60.000 euros.

Achegas que permitirán o desenvolvemento de programas de transporte adaptado; de rehabilitación; de eliminación de barreiras para persoas con diversidade funcional; de actividades de respiro familiar; de programas de acompañamento e mellora da empregabilidade e de inserción laboral con accións prelaborais de capacitación e acompañamento; ou de atención psicosocial e intervención socioeducativa dirixidos a menores en situación de risco ou conflito social.

Así mesmo, o investimento dará apoio a programas dirixidos a persoas drogodepententes ou con trastornos aditivos con actividades de tratamento terapéutico, rehabilitación e inserción social; apoio ás familias e para prevención no colectivo de menores e mocidade ou de inserción laboral que conten con accións prelaborais, de capacitación e acompañamento. Por outra banda, colaborarase tamén con accións dirixidas a minorías étnicas e inmigración para as súa integración sociolaboral.

700.000 euros para investimentos nos centros

Compra de aplicacións informáticas, construcións e obras nos centros, adquisición de nova maquinaria, ferramentas ou aparatos, así como equipos para procesos de información ou outro material son os elementos que se financiarán con cargo a esta liña de axudas, que permitirán adecuar os locais das entidades ás súas necesidades, así como impulsar a modernización destes con novas tecnoloxías.

As contías nesta liña poderán ir dun mínimo de 750 euros a un máximo de 200.000 euros.

500.000 para programas sociosanitarios

Con cargo a esta liña, as entidades da provincia poderán solicitar axudas para programas de apoio e tratamento de enfermidades e as súas consecuencias como terapias de rehabilitación ou de apoio psicolóxico, así como programas formativos, congresos, xornadas, seminarios ou foros dirixidos tanto ás persoas afectadas por unha enfermidade e as súas familias como á poboación xeral.

As axudas, que oscilarán entre os 1.000 e os 40.000 euros, poden destinarse a gastos que van desde a contratación de persoal á compra de bens destinados á actividade.

420.000 euros para loita contra a violencia machista e igualdade

A Deputación financiará con 420.000 euros accións no eido da loita contra a violencia de xénero e a igualdade.

Os proxectos inclúen plans formativos, de sensibilización e dinamización sobre empoderamento e participación social; diagnoses e estudos en materia de igualdade; programas formativos de capacitación profesional e fomento do cooperativismo; servizos de conciliación, actividades de sensibilización; programas de intervención e tratamento integral con mulleres vítimas de violencia de xénero ou trata e coas súas fillas e fillos e persoasdependentes delas. Neste caso as contías irán dun mínimo de 1.000 a un máximo de 40.000 euros.

Prazo de presentación de solicitudes

As achegas financiarán do 20 ao 80% dos gastos e as solicitudes poderán presentarse de forma telemática a través da plataforma Subtel (na páxina web https://sede.dacoruna.gal/subtel/). O prazo de presentación destas determinarase no anuncio do extracto de cada convocatoria que se publicará no BOP, por conduto da Base de Datos Nacional de Subvencións.

A concesión das subvencións basearanse en criterios obxectivos establecidos nas bases, como número de usuarios, antigüidade da entidade, concellos nos que presta servizo, recursos humanos e materiais, calidade técnica do proxecto, transversalidade de xénero ou estabilidade e continuidade do programa.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X