Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña insta ao Goberno a que siga apoiando a gandería, impulsando a súa sustentabilidade e fomentando a calidade dos produtos agroalimentarios

Na moción, presentada polo Grupo Socialista, destácase que a gandería española supón unha actividade de gran relevancia económica que contribúe a crear emprego e fixar poboación no rural

Tamén se lembra que Galicia é a segunda comunidade con maior volume de gando bovino e onde se concentran o maior número de explotacións

O pleno aproba instar o Ministerio de Transportes a reinvestir en melloras de mobilidade no municipio os fondos obtidos pola venda dunha parcela en Sabón

A Deputación da Coruña insta ao Goberno a que siga apoiando a gandería, impulsando a súa sustentabilidade e fomentando a calidade dos produtos agroalimentarios

A Deputación da Coruña insta o Goberno do Estado a que continúe traballando e establecendo mecanismos de apoio, impulso e fomento do sector gandeiro. Fíxoo a través dunha moción presentada polo grupo provincial do PSdeG-PSOE e aprobada cos votos favorables de PP, BNG e Alternativa dos Veciños e a abstención de Marea Atlántica.

Destácase que a gandería española supón unha actividade de gran relevancia económica, achegando 20.232 millóns de euros, o 38% da produción final agraria, onde España se sitúa entre as principais potencias europeas. No caso de Galicia, lémbrase que "é a segunda comunidade autónoma con maior volume de gando bovino, o 14% do total de España, e onde se concentran o maior número de explotacións: algo máis de 16.600.

No texto aprobado explícase que dentro da actividade gandeira, na que conviven dous modelos claramente diferenciados como o extensivo e o intensivo, destaca a industria cárnica xa que "España é unha potencia mundial na produción de carne, cun papel moi destacado no mercado comunitario" e tamén a importancia do sector lácteo, moi especialmente en Galicia, "facturando ao redor de 13.000 millóns de euros ao ano e xerando máis de 60.000 empregos directos no marco do panorama agroalimentario español".

Considérase que "debemos seguir apostando polas explotacións familiares que contribúen de maneira tan importante ao mantemento dun medio rural vivo e a fixar poboación no campo" e para iso "desde o conxunto das administracións, en colaboración cos representantes dos sectores, na procura do equilibrio necesario e do crecemento sostible e modernización das nosas explotacións, tanto a través das correspondentes normas de ordenación nos distintos sectores gandeiros como no marco do futuro Plan estratéxico nacional da política agraria comunitaria".

Acordos

Por todo isto, a Deputación da Coruña instou o Goberno de España a que siga traballando en apoiar unha gandería, tanto extensiva como intensiva¸ que siga sendo motor de desenvolvemento no medio rural e especialmente as explotacións familiares e profesionais que contribúen a xerar emprego, ademais de fixar poboación e tecido empresarial nos nosos pobos.

Tamén se solicita que se impulse unha gandería sostible, en liña co Pacto Verde Europeo e as estratexias europeas 'Da Granxa á Mesa' e 'Biodiversidade', apoiando e acompañando os gandeiros e gandeiras nos investimentos necesarios para mellorar a sustentabilidade e rendibilidade.

Por último, faise fincapé na necesidade de reforzar xunto ás comunidades autónomas os plans de control do cumprimento dos requisitos para non prexudicar os gandeiros que seguen a normativa e en fomentar e promover a calidade e a exportación dos nosos produtos agroalimentarios, abrindo novos mercados e apoiando a promoción dos alimentos españois, entre eles os produtos gandeiros, fóra das nosas fronteiras.

O Partido Popular presentou tamén unha moción sobre o sector gandeiro na que, entre outras cuestións, se solicitaba a rectificación inmediata das declaracións realizadas polo ministro de Consumo, que non saíu adiante ao ser rexeitada por todos os grupos agás o propio PP.

Reinvestimento en Arteixo dos fondos obtidos polo Ministerio de Transportes pola venda dunha parcela no Polígono de Sabón

O pleno da Deputación aprobou tamén por unanimidade a moción do PP instando ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a que destine os ingresos derivados da venda dunha parcela no polígono de Sabón (Arteixo), que ascenden a 7.120.000 euros, ao investimento en infraestruturas de mellora da mobilidade no municipio, sinaladamente ao alivio do tráfico pesado, entre os que poden destacarse o proxecto de ligazón de Meicende-Pastoriza coa autovía de acceso ao porto exterior de Punta Langosteira.

O PP rexeitou incorporar ao texto a emenda proposta polo PSdeG-PSOE na que se pedía engadirlle ao texto "que se instara a Xunta de Galicia a que mentres non estea en funcionamento esta infraestrutura, suprima a peaxe da autovía AG-55" .

O pleno debateu tamén unha moción de Alternativa dos Veciños emendada por PSdeG-PSOE e BNG, na que se aprobou, cos votos favorables de todos os grupos agás o PP, encomendar á comisión de Patrimonio e Contratación a análise da cesión das parcelas cedidas ao Concello de Arteixo no polígono de Sabón.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X