Estás en:Emprego Novas

Valentín González Formoso destaca “as oportunidades” que traerá a extensión da alta velocidade ferroviaria ás vilas e cidades galegas, prevista para este verán

Trala reunión co presidente de RENFE, Isaías Táboas, confirma o compromiso do ente estatal de que os trens Avril estarán en funcionamento este verán, reducindo o tempo de conexión con Madrid das principais cidades galegas

Trasladoulle a Táboas as necesidades de adaptar os horarios dalgunhas conexións co sistema de media distancia

Valentín González Formoso destaca “as oportunidades” que traerá a extensión da alta velocidade ferroviaria ás vilas e cidades galegas, prevista para este verán

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou hoxe "as oportunidades que traerá para os galegos e as galegas" a extensión da alta velocidade ferroviaria ás vilas e cidades de Galicia, prevista para este verán.

Trala reunión mantida esta tarde no despacho da institución provincial co presidente de RENFE, Isaías Táboas, González Formoso confirmou o compromiso do ente estatal de que os sete trens Avril, os máis modernos da compañía e de ancho variable, xa estarán en funcionamento este verán, reducindo o tempo de conexión con Madrid das principais cidades galegas.

Os trens Avril son trens de alta velocidade de Talgo que poden circular a 300 quilómetros por hora e teñen capacidade para transportar a 600 viaxeiros. A súa posta en funcionamento reducirá os tempos de conexión do AVE entre a capital de España e as principais cidades da comunidade.

"Para nós é unha nova moi importante porque vai incrementar as oportunidades para os habitantes, non só das cidades, senón das vilas galegas" destacou o presidente provincial, que sinalou a relevancia de que "chegue canto antes porque hai unha afluencia masiva de turismo vencellado ao Xacobeo".

Valentín González Formoso tamén fixo referencia ao "esforzo" a facer "naquelas vilas que non teñen acceso directo a esta infraestrutura, e cidades, para ter preparado o país para a chegada da alta velocidade". Un esforzo que "non só é de RENFE senón principalmente de ADIF, en colaboración co resto de administracións, e tamén da Xunta de Galicia, xa que pode dar unha perspectiva social, económica e turística nova á comunidade", vertebrando as conexións ferroviarias de todo o territorio.

Melloras nas conexións de media distancia

O presidente da Deputación tamén lle trasladou a Táboas as necesidades e demandas das diferentes plataformas que están esixindo que, coa chegada do AVE, se fagan axustes dalgunhas conexións no sistema ferroviario galego de media distancia.

Formoso constatou a vontade do presidente de RENFE de realizar esas modificacións e chamou a "buscar un equilibrio" entre a chegada da alta velocidade e as realidades que persisten a día de hoxe para que "conexións como pode ser A Coruña – Ferrol teñan unha vida distinta" e sexan "adecuadas ás necesidades do século XXI".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X