Estás en:Emprego Novas

Compostela Rupestre decide licitar de forma conxunta a limpeza e o mantemento dos petróglifos e entidades patrimoniais

O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, e os representantes dos cinco concellos que integran o Parque Arqueolóxico mantiveron a primeira xuntanza de traballo deste exercicio para implementar as primeiras accións derivadas do Plan Director

Compostela Rupestre decide licitar de forma conxunta a limpeza e o mantemento dos petróglifos e entidades patrimoniais

A limpeza e mantemento dos petróglifos, a compra de parcelas nas que se sitúan os xacementos en Monte Piquiño e a creación do CIRVI (Centro de Interpretación Rupestre de Villestro) foran as tres primeiras iniciativas que a finais do pasado ano se decidiran implementar no proxecto do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre. No día de onte, na primeira xuntanza de traballo deste exercicio, a Deputación da Coruña e os cinco concellos con terreos integrados no parque - Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra- avanzaron nesta folla de ruta co obxecto de que estas tres accións vexan a luz nos vindeiros meses.

Tras a xuntanza, o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas indicou que "este é o inicio real da fase executiva deste proxecto, na que lle imos dar prioridade ás tres accións xa decididas na anterior xuntanza, e coa vista posta no obxectivo fundamental da preservación, protección e promoción dos petróglifos para que sexan visitables e accesibles a toda a cidadanía".

Neste sentido, Xosé Lois Penas lembrou que na anterior xuntanza, que ao igual que a de onte tivo lugar na Casa do Concello de Teo, se decidiran destinar 125.000 euros para a limpeza e limpeza inicial de todas as entidades patrimoniais (tres rutas que pasan por todos os concellos e a contorna dos petróglifos) implementando un sistema de xeolocalización e fichas de catalogación na web do proxecto. En relación a este punto, tomouse a decisión de optar por unha licitación conxunta para limpeza e mantemento que permita a calendarización dos traballos segundo as necesidades de cada entidade patrimonial, o número de elementos situados en cada concello e que, ao mesmo tempo, permita a optimización de recursos.

Sobre a compra das parcelas nas que se sitúan os petróglifos en Monte Piquiño, no Concello de Teo, propúxose que a xestión para a adquisición de terreos se realice baixo a fórmula da expropiación. Concretamente para a compra das parcelas en Monte Piquiño o orzamento destinado ascende a 50.000 euros.

Por último, tamén estaba acordado destinar 150.000 euros á creación do CIRVI (Centro de Interpretación Rupestre de Villestro) empregando a antiga escola unitaria do lugar de Villestro, en Santiago de Compostela, escollido pola súa situación central e ben comunicada entre os cinco concellos que compoñen o parque. Esta era unha das propostas recollidas no Plan Director que ademais indica que este edificio se sitúa na contorna inmediata dun petróglifo accesible para as visitas, e propón tamén a musealización e recreación dun poboado da Idade do Bronce.

Convén lembrar que estas accións están recollidas no Plan Director do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre, redactado pola empresa Trivium estratexias en cultura e turismo S.L. e que fora presentado no último trimestre de 2021. Este Plan reúne un catálogo de 144 entidades patrimoniais, define 67 contornas de protección e describe de modo exhaustivo o total de petróglifos do Parque de Compostela Rupestre combinando o traballo de documentación e investigación, co emprego da tecnoloxía SIX (Sistema de Información Xeográfica).

Na vindeira xuntanza de Compostela Rupestre está previsto que se materialice o cambio de presidencia do Consello Director que pasa a ser asumida polo Concello de Brión.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X