Estás en:Emprego Novas

A Deputación inviste máis de medio millón de euros na poda de árbores nas estradas de Cambre – A Rocha, Meirás - Santa Cruz e na de Oleiros- Sada a Pousada - Edreira

O contrato, que inclúe dúas anualidades, permitirá realizar labores de mantemento nas marxes das estradas próximas a núcleos de poboación

Só se contempla a tala nos exemplares irrecuperables e que supoñen un risco ao poder caerse total ou parcialmente

A Deputación inviste máis de medio millón de euros na poda de árbores nas estradas de Cambre – A Rocha, Meirás - Santa Cruz e na de Oleiros- Sada a Pousada - Edreira

A Deputación da Coruña sacou a licitación o contrato para a execución da campaña de poda de árbores, valorado en 544.039,76 euros, e que permitirá actuar nas estradas DP-1702 de Cambre á Rocha, DP-5812 de Meirás a Santa Cruz e DP-5809 de Oleiros a Sada ata Pousada A Edreira.

O contrato, que inclúe dúas anualidades, permitirá realizar as necesarias operacións de conservación e mantemento nas marxes das estradas próximas a núcleos de poboación para facilitar a convivencia do tráfico, a veciñanza e a vexetación.

En total actuarase en 483 árbores. Na DP-1702, que ten 3.050 quilómetros de lonxitude, hai 153 árbores; na DP-5812, de 5.140 quilómetros de lonxitude, atópanse 240 árbores; e, por último, na DP-5804, de 510 metros de lonxitude, hai catalogados 90 árbores.

Na maior parte dos casos efectuarase a poda das árbores, xa sexa por seguridade, por saneamento, ou por ocasionar problemas cos cables eléctricos e telefónicos, co tráfico e coas vivendas. Só se contempla a tala naqueles exemplares irrecuperables e que supoñen un risco ao poder caer total ou parcialmente.

No primeiro ano de contrato a poda incluirá a rebaixa ou redución de copa en todos os exemplares. Todos os residuos da poda ou tala deberán ser retirados de forma inmediata e a zona de actuación deberá quedar perfectamente limpa e libre de todo tipo de restos.

O prazo para presentar ofertas no perfil do contratante da Deputación da Coruña remata o 11 de febreiro e o tempo de execución dos traballos desde o seu inicio estímase en 2 meses. Unha vez realizados o adxudicatario deberá entregar un informe detallado do estado de todas as árbores para acometer actuacións posteriores.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X