Estás en:Emprego Novas

A Deputación aumenta ata os 390.000 euros as axudas para o mantemento dos conservatorios e escolas de música e danza municipais

A deputada de Educación, Sandra González, visita o Conservatorio de Noia e anuncia que está aberto o prazo de solicitudes para os concellos da provincia

A Deputación apoia con 20.000 euros o Conservatorio noiés, no que estudan 119 alumnos e alumnas de toda a comarca, 77 deles no grao profesional

"Seguimos coa nosa filosofía de facer accesible a formación cultural máis alá das grandes cidades, permitindo que pequenos e medianos concellos podan ofrecer tamén estes servizos", destaca a deputada de Educación, Sandra González.

A Deputación aumenta ata os 390.000 euros as axudas para o mantemento dos conservatorios e escolas de música e danza municipais

A deputada de Educación, Sandra González Castro, visitou onte o Conservatorio de Música de Noia, onde destacou que a Deputación da Coruña vén de abrir a liña de subvencións para os conservatorios e escolas de música e danza municipais, que este ano incrementa o seu orzamento, pasando de 370.000 € a 390.000 €.

Sandra González, que estivo acompañada durante a visita polo alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, subliñou a importancia destas subvencións "coas que queremos dar apoio á formación artística nas diferentes escolas e conservatorios da provincia, nos que sabemos que hai moito talento que necesita ter ao seu alcance os medios para poder medrar e desenvolverse".

"Seguimos así coa nosa filosofía de facer accesible a formación cultural máis alá das grandes cidades, permitindo que pequenos e medianos concellos podan ofrecer tamén estes servizos", sinalou a deputada, que destacou o elevado número de alumnos cos que conta o conservatorio noiés: "O conservatorio de Noia forma este curso a 119 alumnos e alumnas de toda a contorna, 77 deles no grao profesional, unha cifra que evidencia a importancia destas axudas da Deputación", afirmou Sandra González.

Ademais do alumnado noiés, no conservatorio da localidade fórmanse mozas e mozos de Porto do Son (14), Outes (17), Lousame (3), Muros (2), Boiro (3) e incluso de Ames, Teo ou Negreira.

As axudas da Deputación para Conservatorios e Escolas de Música e Danza municipais poderán oscilan entre un mínimo de 3.000 euros para escolas de música e un máximo de 20.000 euros, no caso dos conservatorios. Na convocatoria de 2021, un total de 29 concellos da provincia beneficiáronse destas axudas dirixidas aos seus centros de formación artística.

No caso de Noia, debido á súa condición de Conservatorio e ao elevado número de alumnos que se forman nas súas aulas, recibiu na convocatoria de 2021 o máximo de 20.000 euros.

As bases das axudas, que se publicaron o venres 21 de xaneiro no Boletín Oficial da Provincia (BOP), establecen os requisitos que se deben cumprir para optar a estas axudas dirixidas a municipios e entidades locais que permitirán financiar a reparación e conservación de equipamento, contratacións externas e subministracións, entre outros.

O prazo de solicitudes remata o 25 de febreiro.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X