Estás en:Emprego Novas

González Formoso apoia a candidatura do Carballo de Conxo para converterse na Árbore Europea do 2022

O presidente provincial visitou Santiago de Compostela, onde tamén avaliou o remate dos traballos de reparación da Ponte de Vidán, financiados a través do Plan Único

A da Ponte de Vidán é unha das 41 obras executadas co Plan Único, que suma un investimento de preto de 10 millóns de euros nos últimos 5 anos na capital galega

Tamén anunciou a recente adxudicación das obras de ampliación e mellora da DP-7804 de Santiago a Val do Dubra

González Formoso apoia a candidatura do Carballo de Conxo para converterse na Árbore Europea do 2022

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Santiago de Compostela que aproveitou para achegarse ata o Carballo do Bosque do Banquete de Conxo e manifestar alí o seu apoio á candidatura deste exemplar para converterse na Árbore Europea do 2022.

O presidente provincial, que visitou o carballo acompañado do alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, e dos deputados Antonio Leira e Mila Castro, explicou que "desde a Deputación queremos aportar o noso pequeno grao de area para que o proxecto de Mellor Árbore sexa unha realidade".

O Carballo do Bosque do Banquete de Conxo conta con máis de 250 anos de historia e, tras proclamarse como mellor árbore de España, competirá do 1 ao 28 de febreiro con outros 15 exemplares de diferentes países europeos na última fase do certame Árbore Europea do Ano, un concurso organizado por Bosques sen Fronteiras coa colaboración do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, FSC España e a Fundación Feuvert.

As votacións para lograr que o coñecido como 'O avó' se impoña aos seus competidores están habilitadas na web https://www.treeoftheyear.org/Vote.aspx. González Formoso animou "a todos os veciños e veciñas de Santiago, e tamén do resto de municipios da provincia e de Galicia" a que "apoien esta candidatura, que non deixa de ser unha punta de lanza dunha intención máis profunda do Concello de Santiago", facendo alusión á campaña '1 voto, 1 árbore' que ten por obxectivo acadar os 100.000 votos. "Isto é apostar por unha cara ecolóxica nunha cidade que é a capital de Galicia, onde conflúe toda Europa e onde a árbore ten que ter un protagonismo ata o punto de que o obxectivo sexa o de plantar 100.000 exemplares", afirmou.

Xosé Sánchez Bugallo precisou que "xa levamos máis de 3.000 árbores plantadas. Estamos traballando activamente. O obxectivo este ano é plantar 19.000 carballos máis, que non é unha cifra pequena". Ademais, subliñou que "é moi importante que toda Galicia se mobilice. Isto é unha oportunidade extraordinaria para recuperar unha parte da nosa historia, para tomar coñecemento do enorme patrimonio que temos en materia ecolóxica". "Desde logo, se hai un tema no que ninguén se pode sentir marxinado, discriminado ou agraviado é o do carballo. Todos recoñecemos que é algo extraordinario, propio de nós", salientou.

O Carballo de Conxo ten unha altura de 30 metros, case 4 metros de circunferencia de tronco e unha idade de 250 anos. Foi testemuña de acontecementos históricos como o Banquete Democrático de Conxo, celebrado o 2 de marzo de 1856 nas súas inmediación e no que estudantes universitarios serviron de comer e de beber a artesáns e obreiros, seguindo os valores da Revolución Francesa de igualdade, liberdade e fraternidade.

Reparación da Ponte Vidán

Ademais, Valentín González Formoso avaliou o remate das obras de reparación e consolidación da Ponte Vidán, na aldea da Amañecida. Un proxecto que contou cun orzamento de 447.065 euros, financiado totalmente a través do Plan Único, e que permitiu a rehabilitación dunha infraestrutura histórica na que se detectaran deficiencias no seu estado de conservación.

Trátase dunha ponte estreita sobre o río Sar, moi preto da desembocadura do Sarela, construída en pedra e formigón armado. Os traballos para a súa rehabilitación incluíron a substitución dos muros dos estribos sobre os que se apoia a plataforma, que tamén se cambiou. Só se conservaron os elementos de carácter histórico da pila, da bóveda e dunha parte dos límpanos. Reconstruíuse a tallamar, reproducindo as súas antigas dimensións grazas aos restos que se conservan. Ademais, substituíronse as tubaxes de abastecemento de auga da zona por outra que vai oculta na nova plataforma, ao longo das beirarrúas que se executaron.

O presidente destacou "o investimento de preto de 10 millóns" de euros que a Deputación levou a cabo en Santiago de Compostela nos últimos 5 anos a través do Plan Único. Un total de 41 obras que sumaron 7 millóns de euros de orzamento e entre as que se atopan: a da Ponte Vidán, o parque infantil de Coto dos Olmos, o acondicionamento do centro sociocultural de Gracia, a cuberta da pista polideportiva de Verdía, as melloras nos centros socioculturais de Grixoa e Peregrina e os traballos no edificio multiusos de Lavacolla.

Ampliación e mellora da DP-7804 por 1 millón de euros

Formoso tamén anunciou a recente adxudicación das obras de ensanche, mellora do trazado e do firme da estrada provincial DP-7804 Val do Dubra – Santiago entre os puntos quilométricos 18+690 e 22+223, no termo municipal de Santiago de Compostela.

As obras foron adxudicadas por 1.013.200 euros e permitirán mellorar a seguridade nun tramo de tres quilómetros e medio dunha vía que conta cun elevado volume de tráfico ao conectar o núcleo compostelán de Miramontes coa intersección da DP-0701.

Os traballos inclúen a ampliación da plataforma da vía ata os 9 metros de ancho, contando con 7 metros de calzada e 1 metro de beiravía en cada unha das marxes. Tamén se mellorará o trazado en determinadas curvas e a pavimentación da plataforma. Á súa vez, instalarase un sistema de drenaxe lonxitudinal con tubo de formigón, recollida de pluviais nos tramos onde hai beirarrúas e dotarase á zona de nova sinalización horizontal e vertical.

O prazo de execución é de doce meses a partir do inicio das obras.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X