Estás en:Emprego Novas

A Deputación incluirá as embarcacións tradicionais nas axudas á conservación do patrimonio público

O vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, mantiveron esta mañá unha xuntanza con representantes da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial 'Culturmar' para coñecer de primeira man as necesidades deste sector

Na provincia da Coruña contabilízanse ao redor de 70 embarcacións tradicionais ou históricas xestionadas por asociacións federadas en Culturmar, todas elas destinadas a fins sociais e culturais

A Deputación incluirá as embarcacións tradicionais nas axudas á conservación do patrimonio público

O vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, mantiveron esta mañá unha xuntanza con Pepe Sacau e Manolo Sendón, representantes da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial 'Culturmar'. O encontro, que tivo lugar no porto de Muros, tivo por obxectivo coñecer de primeira man as necesidades das entidades titulares de embarcacións tradicionais e históricas, co obxecto de incluílas na liña de axudas para a conservación e mantemento do patrimonio público na que está traballando a Deputación da Coruña.

Segundo lles explicou Xosé Regueira aos representantes de Culturmar, o departamento provincial de Turismo e Patrimonio Histórico está ultimando nunha liña de axudas, que convocará neste exercicio por primeira vez, co obxecto de atender unha das principais preocupacións das entidades titulares de elementos patrimoniais, como é a súa conservación e mantemento periódico. "Ao incluír as embarcacións tradicionais nesta liña de subvencións", explica Xosé Regueira, "estamos dando resposta a unha demanda histórica por parte das entidades que xestionan este tipo de patrimonio e que carecen de actividades económicas propias que lles permitan asumir os custes que supón a conservación destas embarcacións, que ademais son un recurso patrimonial dun valor cultural incalculable".

Na xuntanza, Pepe Sacau expuxo as principais dificultades ás que se acostuman enfrontar as asociacións federadas en Culturmar, que se centran en asumir as reparacións puntuais das embarcacións, así como as tarefas de mantemento periódicas que precisan para evitar o seu deterioro. Durante a reunión perfiláronse cuestións de carácter técnico como as características das embarcacións que deben incluírse na convocatoria e o seu uso social e cultural.

Na provincia da Coruña existen ao redor de 70 embarcacións históricas que son titularidade das entidades da federación Culturmar. As principais asociacións que xestionan este tipo de patrimonio sitúanse en Rianxo, Boiro, Cabo de Cruz, Ribeira, Noia, O Freixo – Outes, Muros, Carnota, Sada e Ferrol. Trátase de embarcacións de diversa tipoloxía e tamaño, que teñen en común características básicas como estar construídas en madeira e cuxo sistema principal de propulsión é o remo e a vela. Todas elas están destinadas a usos culturais e sociais, como os cursos de vela, as concentracións de embarcacións tradicionais e outras iniciativas de difusión da tradición marítima galega e da carpintería de ribeira.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X