Estás en:Emprego Novas

A Deputación dedica 450.000 euros para financiar 45 bolsas de investigación e de perfeccionamento de estudos artísticos

A Deputación apoiará o traballo de 20 investigadores e investigadoras en diversos eidos que van desde as ciencias da saúde ás artes e humanidades

No caso dos estudos artíticos, as axudas da Deputación permitirán impulsar a formación especializada de 25 persoas en centros de fóra de Galicia

A deputada de Educación, Sandra González, sinalou que estas subvencións "son unha oportunidade para aproveitar o noso talento investigador e para que artistas da provincia completen a súa formación"

A Deputación dedica 450.000 euros para financiar 45 bolsas de investigación e de perfeccionamento de estudos artísticos

A Deputación da Coruña financiará este ano 45 bolsas de investigación e de perfeccionamento de estudos artísticos, ás que dedica un orzamento total de 450.000 euros. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) recolle hoxe a aprobación das bases reguladoras destas axudas para 2022.

O Goberno de Valentín González Formoso mantén en 2022 o incremento realizado o ano pasado tanto no número de bolsas (que pasaron de 40 a 45) como da súa contía, que sobe de 8.000 a 10.00 euros.

A deputada de Educación, Sandra González, subliñou o compromiso provincial "coa actividade investigadora, que nos dá novos coñecementos a nivel social, cultural, político e económico, así como para os futuros artistas que están a formarse fóra de Galicia, que necesitan apoio para desenvolverse no eido profesional".

20 investigadoras e investigadores premiados pola Deputación

No ámbito da investigación, o ente provincial dedica 200.000 euros para financiar 20 bolsas dirixidas a persoas con titulación universitaria que pretendan facer un traballo no período 2022-2023, cunha duración mínima de nove meses. As áreas beneficiarias poderán ser artes e humanidades (5 bolsas), ciencias (3), ciencias da saúde (3), ciencias sociais e xurídicas (5), enxeñaría e arquitectura (2) e estudos de xénero (2). Cada axuda contará cunha achega de 10.00 euros.

No caso das bolsas ao perfeccionamento de estudos artísticos, a Deputación dedica 250.000 euros para financiar 25 axudas cunha achega de 10.000 euros cada unha. A través delas, as persoas beneficiarias recibirán financiamento para custear o gasto derivado da realización de estudos artísticos fóra da Comunidade Autónoma durante o período 2022-2023 nalgunha destas áreas: audiovisual (2 bolsas), danza e artes do movemento (3), ilustración, artes plásticas e visuais (5), música (12) e teatro e interpretación escénica (3).

Sandra González destacou que estas bolsas "son unha oportunidade para aproveitar o noso talento investigador e para que artistas da provincia completen a súa formación". A deputada responsable da área de Educación tamén remarcou en que "son as mesmas ás que optaron no seu día persoeiros do arte coruñés coma Antonio Lago Rivera, Modesto Brocos, Eugenio Granell ou mesmo Isaac Díaz Pardo, que a Deputación ten a honra de ter entre os seus bolseiros".

As axudas tramitaranse de forma telemática a través da plataforma SUBTeL e o prazo de presentación de solicitudes determinarase no anuncio de publicación da convocatoria das bolsas no BOP da Coruña, a través do Sistema Nacional de Publicación de Subvencións.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X