A Pobra súmase á Rede de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña
Con esta nova incorporación, a Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo amplíase a once centros na provincia
Oleiros, Carballo, Brión, Boiro, Ames, Moeche, A Capela, As Pontes, Vedra, Santiago e A Pobra do Caramiñal contan con centros de ámbito comarcal para impulsar o emprendemento
González Formoso incide na importancia de "xerar oportunidades para a xente moza no mundo rural, fomentando a iniciativa empresarial e o autoemprego"
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Luis Piñeiro García, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, asinaron hoxe na sede da institución provincial o convenio que permitirá dinamizar o centro de coworking A Pobra e polo que pasa a integrarse na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.
Para dinamizar a actividade deste espazo, a Deputación achegará 24.811,60€, o que supón o 80% do total do custo do proxecto para a contratación dunha asistencia técnica que preste apoio na xestión e dinamización do coworking, para por en marcha un campus de emprendemento con perspectiva de xénero e para impulsar unha experiencia piloto para a promoción do sector primario dende o espazo coworking.
O espazo colaborativo Coworking A Pobra consta dun espazo de 143,23 m2 con capacidade para acoller 10 iniciativas emprendedoras: o espazo Emprende, con capacidade para 8 módulos de traballo dotados con mobiliario individual común, preferentemente para persoas emprendedoras que teñen a vontade de crear a súa propia empresa e o espazo Nómades, con capacidade para 2 módulos que se configuran preferentemente para usuarios externos que non permanezan de modo continuado no centro, senón por períodos de tempo moi concretos.
"Este será o décimo primeiro centro da Rede Provincial grazas ao esforzo compartido de varios concellos", destacou Valentín González Formoso, que subliñou "a aposta que facemos desde a Deputación, creando unha grande rede de espazos de traballo colaborativo sectoriais, especializados nun determinado ámbito profesional, un modelo único no país". Formoso incidiu na importancia de que os centros "aproveiten o potencial e as particularidades propias de cada territorio" e ademais "fomenten sinerxias" entre emprendedoras e emprendedores.
En definitiva, "a Rede Provincial de Coworking pretende xerar oportunidades para a xente moza no mundo rural, fomentando a iniciativa empresarial e o autoemprego", explicou o presidente.
Con esta iniciativa, o Concello da Pobra do Caramiñal, en colaboración coa Deputación da Coruña, quere dar un paso máis no ámbito da promoción económica e empresarial que vén desenvolvendo e incidir máis no fomento da cultura do emprendemento pois existe unha correlación positiva entre a promoción do espírito emprendedor e os resultados económicos en termos de crecemento, supervivencia de empresas, innovación, creación de emprego, cambio tecnolóxico e incremento da produtividade que ofrecen as perspectivas de desenvolvemento socioeconómico para a comarca do Barbanza.
Así, desde hoxe, este centro pasa a integrarse na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, posta en marcha desde o Plan de Emprego Local, da que xa forman parte as centros do Pazo de Arenaza de Oleiros, Fórum Carballo, Daquí Darredor de Brión, Emprende LAB Boiro, o coworking A Proa de Ames, o centro de desenvolvemento comarcal de Moeche, o coworking A Capela, o GreenCoworking das Pontes, o centro de emprendemento A Estación de Vedra e o Coworking Dixital CCompostela de Santiago.
Pode atopar máis información sobre a Rede de Coworking en: https://redecoworking.pel.gal/