Turismo da Deputación inviste este ano máis de 1,6 millóns de euros na mellora da calidade do sector
Entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios poderán acceder ás axudas, dun máximo de 150.000 euros por beneficiario
O departamento de Turismo da Deputación da Coruña vén de convocar o seu programa anual de axudas a entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos para a mellora da calidade, competitividade e actividades do sector. A institución provincial destinará en 2022 unha partida de 1.610.000 euros, dos que os beneficiarios poderá recibir un importe máximo de 150.000 euros.
O obxecto da convocatoria é o fomento da creación de produtos turísticos, mellora da difusión e posicionamento turístico do territorio, fomento da formación no sector e avances na calidade do segmento de mercado, co financiamento de áreas como a formación, a implementación de plans, o desenvolvemento de actividades e a contratación de persoal especializado.
"Desde a área de Turismo da Deputación da Coruña traballamos man a man cos entes de xestión para a promoción dos distintos xeodestinos, con liñas de actuación conxuntas que aproveiten os recursos para a promoción dos distintos destinos da provincia", sinala o vicepresidente provincial e responsable de Turismo, Xosé Regueira.
En 2021, a área de Turismo da Deputación distribuíu 1.263.635 entre 16 entidades, desde asociacións de concellos como os do Camiño Inglés, Camiño da Ría de Muros-Noia ou Asociación de Desenvolvemento da Ría de Muros-Noia, mancomunidades como a de concellos de Ferrol, Ordes ou Ría de Arousa-Zona Norte; asociacións empresariais como a do Camiño de Santiago a Fisterra Muxía-Solpor, de Promoción Turística de Camariñas ou a de Desenvolvemento do Turismo de Calidade da Comarca de Ortegal ou outras entidades como Costa da Morte Asociación Turística C.M-.A.T, Asociación socio-cultural Auga e Sal; Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos ou Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla-Tambre-Mandeo ademais das que xestionan o turismo nas tres cidades da provincia, Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña e Incolsa de Santiago, Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol.
As bases da convocatoria está publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 23 de febreiro de 2022. Nos vindeiros días o BOP dará o coñecer o prazo de presentación de solicitudes.