A Deputación convoca os seus premios Torrente Ballester de narrativa e Castelao de banda deseñada
A dotación do Castelao é de 6.500 euros en cada unha das súas dúas categorías, e de 15.000 € a do Torrente, tanto a do certame en lingua galega como o de en lingua castelá
A Deputación da Coruña vén de convocar dous dos seus premios á creación: o Torrente Ballester de narrativa e o Castelao de banda deseñada. As bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia do pasado 11 de marzo e o prazo de presentación de traballos publicarase no BOP en vindeiras datas.
O Torrente Ballester chega a súa 34º edición convertido "un dos premios máis veteranos dos que convoca a Deputación e un dos premios literarios máis prestixiados do panorama literario galego", en palabras do responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto. A dotación económica deste certame é de 15.000 euros para a persoa gañadora, tanto para obras presentadas en galego como para as presentadas ao premio en lingua castelá. A nómina de gañadores fala tamén da importancia do certame: Manolo Rivas, Ignacio Martínez de Pisón, Eli Ríos, Luísa Castro ou Blanca Riestra; ao que se lle suman Raúl Santos Ageitos coa novela 'Cornucopia', e María Cureses de la Vega coa obra 'Ni luz ni llanto', gañador e gañadora da última edición. En 2021, a área de Cultura da Deputación da Coruña recibiu 407 orixinais na convocatoria do Torrente Ballester en 2021; 330 presentáronse ao premio en castelán e 77 ao premio en galego.
Pola súa banda, os premios Castelao chegan á 17ª edición para repartir 13.000 euros, 6.500 ao gañador en cada modalidade a concurso: a xeral, á que se poderán presentar obras dirixidas a todo tipo de lectores e lectoras, e a LIX, para obras dirixidas especificamente ao público lector infantil e xuvenil. Ademais, ao premio poderán optar proxectos —que consistirán nun dossier cun mínimo de 16 páxinas rematadas e unha sinopse detallada do contido da obra completa, cunha extensión máxima de tres páxinas—, e obras completas, tanto en guión como en debuxo, en cuxo caso deberán ser orixinais, inéditas e non publicadas, na súa totalidade ou parcialmente. A obra 'Nós Seis', da coruñesa Julia Lago (A Coruña 1994) foi a gañadora do certame en 2021.