Estás en:Emprego Novas

DOA completa o ciclo ‘Pioneirxs da música galega’, cun concerto en directo para revivir o álbum ‘O son da estrela escura’

Este concerto único, que terá lugar o 9 de abril no Teatro Colón, recuperará o repertorio do primeiro disco editado pola primeira discográfica galega en 1979

Será o terceiro dos concertos en directo que recupera álbums míticos da música galega e en galego, e reunirá no escenario a Miro Casabella, Xoán Piñón e Bernardo Martínez

DOA completa o ciclo ‘Pioneirxs da música galega’, cun concerto en directo para revivir o álbum ‘O son da estrela escura’

'O son da estrela escura', o primeiro disco editado pola primeira discográfica galega, volverá soar en directo máis de corenta anos despois. Será o 9 de abril no Teatro Colón, no marco do ciclo 'Pioneirxs da música galega', unha iniciativa recentemente posta en marcha pola área de Cultura da Deputación da Coruña coa finalidade de recuperar a través de concertos en directo álbums que marcaron a historia recente da música galega e en galego.

Este será o terceiro concerto do ciclo e subirá ao escenario do Teatro Colón ao grupo DOA, que revivirá 'O son da estrela escura' editado en 1979 pola discográfica Ruada. "Esta iniciativa nace co obxectivo de dar a coñecer a públicos actuais os traballos discográficos dun momento clave para a cultura galega" lembra o deputado de Cultura, Xurxo Couto, ao tempo que indica "que serven para homenaxear e poñer en valor o traballo de toda aquela xeración artística de finais da década de 1970". Convén lembrar que 'Pioneirxs da música galega' comezaba cun concerto de Pilocha –o 12 de febreiro-, e continuaba con Miro Casabella – o 5 de abril-, ambos cun importante éxito de público.

Xurxo Couto acompañou esta mañá a dous dos membros fundadores de DOA, Xoán Piñón e Miro Casabella, na visita que realizaron ao Teatro Colón para preparar a cita de abril. Tanto Xoán Piñón como Miro Casabella aproveitaron para comentar o nacemento daquel primeiro traballo da formación e aseguraron que "naquel momento non eramos moi conscientes da importancia do que estabamos a facer e moito menos do que este disco ía representar co tempo". Lembraron, ademais, que a boa acollida de 'O son da estrela escura' por parte do público "fora todo un fito para a casa de discos naquel momento" e que mesmo chegaran a tocar en lugares como Nova York e Montreal.

O concerto de DOA no Teatro Colón estará dedicado a Xaquín Blanco, membro fundador do grupo xa falecido, e xuntará sobre o escenario a Miro Casabella, Xoán Piñón e Bernardo Martínez, que contarán con Eduardo Coma como músico convidado. As entradas serán de balde previa retirada a través da web do Teatro Colón.

DOA (1978-2022) é considerado como un dos referentes dos grupos en activo anteriores á década de 1980. O seu estilo musical, está baseado en xuntar tendencias musicais diversas coa música popular e medieval de Galiza con arranxos e composicións libres e heterodoxos. Na elaboración do disco 'O son da estrela escura' partiron de partituras existentes en distintos cancioneiros.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X