Estás en:Emprego Novas

A Deputación crea unha oficina técnica para apoiar os concellos na captación e xestión dos fondos europeos ‘Next Generation’

Valentín González Formoso asinou hoxe o contrato para a posta en marcha desta oficina pioneira en Galicia, que se situará no Concello da Capela e que permitirá lograr un posicionamento estratéxico da provincia na captación dos fondos

A Deputación destina preto de 600.000 euros para a execución desta ferramenta co obxectivo de contribuír ao progreso dos municipios da provincia situándoos como potenciais beneficiarias das axudas

Formoso cualificou o contrato como "histórico" xa que "por primeira vez na historia desta institución habilitamos unha oficina fóra da capital e do ámbito urbano para darlle unha oportunidade ao rural"

A Deputación crea unha oficina técnica para apoiar os concellos na captación e xestión dos fondos europeos ‘Next Generation’

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinou hoxe o contrato para a posta en marcha dunha oficina que dará servizos de apoio e asistencia técnica aos concellos para o seu posicionamento estratéxico na captación e xestión dos fondos europeos 'Next Generation'.

No acto que se levou a cabo no pazo provincial para a formalización deste encargo á empresa Tragsatec tamén estiveron presentes o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, e o xefe da unidade territorial noroeste do Grupo Tragsa, Manuel Villarroel Rial.

Esta ferramenta, da que tamén se beneficiará a Deputación e na que inviste preto de 600.000 euros, estará situada no Concello da Capela e dedicarase á detección de oportunidades e á redacción e presentación de proxectos no marco das diferentes convocatorias dos fondos europeos de recuperación, aliñados cos eixes vertebradores do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Un servizo pioneiro en Galicia que se prestará desde A Capela aos 93 concellos da provincia, pero que será especialmente útil para os concellos máis pequenos e con menos recursos técnicos e humanos, que poderán contar con asesoramento especializado para poder optar ás diferentes convocatorias europeas.

Valentín González Formoso cualificou este contrato como "histórico" xa que "por primeira vez na historia desta institución, que é bicentenaria, habilitamos unha oficina fóra da capital de Galicia e do ámbito urbano para darlle unha oportunidade ao mundo rural, que tamén pode ofrecer servizos centrais para o resto, demostrando que a Coruña baleirada tamén ten que ter un espazo na xestión dos intereses da provincia". "Neste caso, nun ámbito como é o da xestión dos fondos europeos no que tantas expectativas ten postas a sociedade coruñesa, tanto no tecido empresarial como no institucional", afirmou.

Formoso explicou que a oficina "estará habilitada cos recursos necesarios, concretamente comezará con 5 persoas, para xestionar todos os proxectos dos 93 concellos da provincia, levar a cabo asesoramento, formación e xestión deses fondos co obxectivo de facilitar que non se quede sen empregar calquera euro, calquera recurso que a Unión Europea destine para a reactivación económica, social e laboral da nosa provincia".

"É un esforzo económico moi importante da Deputación e por iso imos ser moi coidadosos con que a oficina sexa unha ferramenta útil", subliñou o presidente provincial, que expresou a súa confianza de que "vai ser unha aposta moi ben valorada polo mundo municipal e o dos emprendedores da provincia".

Posicionar aos concellos coruñeses como potenciais beneficiarios

Mediante esta actuación a entidade provincial pretende anticiparse e establecer os mecanismos necesarios para posicionar á Deputación e aos concellos da provincia como potenciais beneficiarios dos fondos europeos, permitindo a captación eficiente dos mesmos e aproveitando ao máximo as oportunidades no marco de apoio público existente a nivel autonómico, nacional e europeo para o desenvolvemento de proxectos polas administracións locais que contribúan ao progreso no territorio.

Para a prestación deste servizo dende a Oficina Técnica realizaranse traballos de preparación, detección, identificación e análise de prioridades estratéxicas de desenvolvemento e de convocatorias, así como o deseño, preparación e presentación de proxectos no marco das distintas convocatorias dos fondos 'Next Generation'.

O investimento que hoxe se formalizou inclúe: a definición da Estratexia Provincial, a orientación das axendas territoriais, a identificación e definición de iniciativas ou proxectos derivados da estratexia, o asesoramento e asistencia técnica para o deseño e posta en marcha de proxectos e iniciativas de desenvolvemento, a prestación de información sobre convocatorias de interese, o apoio á preparación e presentación de candidaturas de proxectos a convocatorias, así como o seguimento de proxectos presentados e tamén o financiamento dos gastos do alugamento da oficina, entre outros.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X