A Deputación da Coruña anuncia un plan de ata 10 millóns de euros en axudas directas aos sectores agrogandeiro, pesqueiro e do transporte
Formoso anuncia que o plan partirá cunha dotación de 5 millóns de euros e podería chegar ata os 10 millóns, en función das necesidades. As axudas serán de 3.000 euros e con carácter prepagable
A Deputación aproveitará a experiencia adquirida na creación das axudas á hostalería durante a pandemia para tramitalas de forma áxil.
As subvencións, que chegarán a preto de 4.000 profesionais e serán concedidas entre 7 e 24 horas despois da solicitude, servirán para sufragar a compra de combustibles
Formoso insta a á Xunta de Galicia, cun orzamento moito maior que o da Deputación, a habilitar tamén liñas de axudas de forma urxente e lembra que o 58% dos impostos dos carburantes son transferidos á comunidade autónoma: "Todas as administracións debemos tomar medidas"
Valentín González Formoso reuniuse esta mañá cos representantes de Unións Agrarias, Federación Provincial de Confrarías de Pescadores e de FEGATRAMER-ACOTRADES para explicarlles esta iniciativa
Valentín González Formoso anunciou hoxe que a Deputación da Coruña creará un plan urxente de axudas directas destinado aos sectores agrogandeiro, pesqueiro e do transporte, gravemente afectados pola alza dos combustibles e as consecuencias económicas da guerra de Ucraína .
O plan, explicou o presidente, estará dotado inicialmente con 5 millóns de euros e podería incrementarse ata os 10 millóns en función das necesidades. As axudas serán de 3.000 euros con carácter prepagable, similares ás que a Deputación aprobou o ano pasado durante a pandemia para apoiar ao sector da hostalaría e as axencias de viaxe, e que se pagaron en tempo récord.
O presidente provincial fixo o anuncio tras reunirse esta mañá con representantes de Unións Agrarias, da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores e de FEGATRAMER-ACOTRADES para explicarlles esta iniciativa e obter a súa aprobación. No encontro tamén participaron o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira (por vía telemática) e os deputados Xosé Ramón Rioboo, Bernardo Fernández e María Muíño.
Formoso explicou que "o que pretendemos con esta liña de axudas é reaccionar ante unha situación moi difícil para sectores estratéxicos da economía da provincia". Aínda que se declarou consciente de que as axudas non van resolven a situación, "cremos que aporta un gran de area, un pouco de luz" e instou a outras administracións, en concreto á Xunta de Galicia cun orzamento de 13.000 millóns fronte aos 189 da Deputación, a pór en marcha liñas similares de axudas. "Gustaríanos que o resto de administracións nos copiaran", remarcou, lembrando ademais que "o 58% dos impostos dos carburantes son transferidos á comunidade autónoma".
"A Xunta pode habilitar liñas de axuda, debe habilitalas de xeito urxente, ten máis capacidade que a Deputación da Coruña e ten a mesma obriga como administración pública. Axudas para os pescadores, os gandeiros, os agricultores e os transportistas para que poidan volver a arrincar os seus tractores, os seus barcos, os seus camións en condicións rendibles", afirmou.
Formoso mostrouse tamén favorable a unha normativa estatal que fixe topes nos prezos dos combustibles.
Pago en tempo récord grazas á experiencia adquirida na pandemia
As subvencións, que a Deputación calcula que beneficiarán a preto de 4.000 profesionais da provincia, serán de carácter prepagable e concedidas entre 7 e 24 horas despois de que se faga efectiva a solicitude, e servirán para sufragar a compra de combustibles.
O presidente explicou que convocará un pleno extraordinario para a aprobación definitiva deste plan de axudas. "Cando teñen a necesidade é agora, non dentro de meses nin dun ano", sostivo Formoso, que explicou que a Deputación "aproveitará a experiencia adquirida" durante a pandemia coa creación das axudas á hostalería para tramitalas de forma áxil. O prazo medio de pagamento destas axudas foi de 7,5 días, chegando a alcanzar un tempo mínimo de 7 horas, un récord no pagamento de subvencións da Deputación.
Formoso agradeceu " a comprensión e implicación dos representantes dos tres sectores" e díxolles que "estamos ao seu carón e reclamamos que se resolva esta cuestión tan complexa, sobre todo tendo en conta que os transportistas son os mesmos e as mesmas que hai dous anos aplaudíamos nos balcóns cando nos traían as máscaras e os respiradores arriscando a súa vida". "É o mesmo colectivo e polo tanto necesitamos demostrarlles que son estratéxicos e que os queremos vivos, activados e loxicamente nunha actividade que resulte rendible", concluíu.
Pola súa parte, o presidente de ACOTRADES, Ramón Devesa, agradeceu "ao presidente esta axuda que nos brindou hoxe e que é importante para o sector do transporte" pero expresou a súa preocupación polo alza no prezo do gasoil. "Temos que ter un gasoil con prezo razoable porque a este prezo non podemos traballar", explicou.