Estás en:Emprego Novas

Extraordinaria acollida da convocatoria do ‘Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza’

A área de Cultura da Deputación da Coruña recibe un total de 127 solicitudes para participar na divulgación e difusión do coñecemento sobre a historia medieval galega

Unha comisión de valoración avaliará todas as propostas presentadas co obxecto de selecionar os 20 proxectos que serán financiados con cargo a esta convocatoria. Cada proxecto seleccionado contará cun orzamento máximo de 12.500 euros

Extraordinaria acollida da convocatoria do ‘Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza’

Curtas de animación, xogos interactivos, xogos de mesa, intervencións urbanas, roteiros físicos e virtuais, propostas escénicas, ensaios, antoloxías, álbums ilustrados, discos e ata propostas para series de televisión, dan conta da diversidade de iniciativas que conforman os 127 proxectos que concorren ao 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22'. Destaca, ademais, un significativo número de propostas que teñen como tema central as figuras femininas e o papel da muller na historia medieval galega.

"Ante o número de solicitudes recibidas non podemos máis que cualificar como extraordinaria a acollida desta convocatoria que, ademais de ser pioneira no país, evidencia un gran interese en desenvolver iniciativas relacionadas coa nosa historia medieval" asegura o deputado de Cultura, Xurxo Couto. O 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22', co que a área de Cultura inicia unha nova liña de traballo que ten a historia medieval como eixo central, vén de pechar nesta semana o prazo de recepción de solicitudes contabilizando ata 127 proxectos presentados. Nas vindeiras semanas pasarán a ser analizados por unha comisión de valoración, que será a encargada de seleccionar os 20 proxectos que serán financiados con cargo ao Fondo.

Convén lembrar que xa antes da apertura do prazo de solicitudes, o servizo provincial de Cultura recibira un importante número de consultas en relación a esta convocatoria. Neste sentido, Xurxo Couto asegura que "atendendo a este gran impacto, estamos estudando a posibilidade de darlle continuidade á convocatoria en vindeiros anos".

O 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22' conta cunha dotación orzamentaria de 250.000 euros para desenvolver proxectos en todo tipo de soportes e formatos, sempre que estean destinados a socializar e a poñer en valor a historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval de Galiza. Esta convocatoria está especificamente destinada a empresas e persoas autónomas e de todas as propostas presentadas, seleccionaranse un total de 20 proxectos que recibirán unha contía máxima de 12.500 euros cada un.

O 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22' terá continuidade con novas iniciativas relacionadas coa historia medieval de Galiza que se desenvolverán, desde a área provincial de Cultura, tanto ao longo deste 2022 como en vindeiros exercicios.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X