A MICE presenta a programación da súa 17 edición co foco posto nas cineastas da Europa do leste
Esta mañá tivo lugar no Museo do Pobo Galego a presentación oficial da 17 edición da Mostra Internacional de Cinema etnográfico, que terá lugar do 28 de marzo ao 2 de abril. Asistiron ao acto a vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo, Concha Losada; a concelleira responsable de Acción Cultural de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón; Jacobo Sutil, director da Agadic; Xurxo Couto, deputado responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña; e Ana Estévez, directora da MICE.
O deputado de Cultura da Deputación de A Coruña, Xurxo Couto, asegurou que é unha honra estar nun "dos festivais que non pararon durante a pandemia, nin con outro suceso. Este festival é diferente, xa que xunta cinema e etnografía e marca unha diferenza con respecto a outros festivais. Subliñou tamén que o festival xa ten unha consolidación e animou a "seguir adiante, xa que en anos vindeiros toca máis calidade e seguir medrando. Neste sentido, o deputado manifestou o seu compromiso a seguir estando aí desde a Deputación da Coruña".
Pola súa banda, a concelleira de Cultura de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, destacou que "a verdadeira protagonista é a súa directora, Ana Estévez Lavandeira". Para o Concello é unha honra ser partícipes deste evento. Quixo falar do contexto xeopolítico que está moi presente na edición deste ano da MICE, e dixo que "é moi interesante poñer o foco nos conflitos que aínda que, lonxanos, nos están afectando de xeito directo". Recoñeceu o grande interese das seccións paralelas do Festival, Trazas, Impropias, e Lindes, que lle dan á MICE un estatus moi competitivo con respecto a outros festivais". Este festival, asegurou, " aporta moitísimo a Santiago," e volveu parabenizar a súa directora por iso. Tamén agradeceu a colaboración do resto de patrocinadores, e animou a todo o mundo a que participe nesta edición. "Temos este museo de todos e todas as galegas que está para ofrecer cousas durante moitos anos"
Tamén o director da Axencia Galega das Industrias Culturais,(Agadic), Jacobo Sutil quixo poñer en valor a coordinación das tres institucións á hora de apoiar este tipo de eventos. Asegurou que o audiovisual galego "está no seu mellor momento, triunfando con títulos en todo o mundo. Falou dun sector competitivo tanto no ámbito da xestión coma no creativo. Todos os festivais demostraron a capacidade de manterse e "desde a Xunta de Galicia son consciente da súa importancia e ,polo tanto, de adxudicar as liñas de axuda para que se poidan ter festivais polas catro provincias galegas." A MICE, continuou, ten algo que a define, este ano especialmente coa mirada cara a Europa do Leste, a colaboración coa Galician Film Forum e o Kings College, a programación para os máis pequenos e a presenza dos e das directoras galegas" Rematou parabenizando o festival.
A vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, agradeceu o "apoio das institucións que ano tras ano fan posible a MICE, expresamente as persoas traballan nesas institucións e que nos acompañan e representan este soporte, que moitas veces vai máis aló do estritamente económico: Agadic, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago". Tamén tivo palabras de agradecemento para toda a equipa do festival.
A directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira foi a encargada de contar as claves desta 17 edición, que este ano está dedicada ao traballo, "un traballo que vai alén do laboral porque se transformou o xeito no que nos relacionamos con el e que se toca dun xeito transversal en todas as actividades do festival".
Comentou ademais que "a MICE sempre tivo moito interese no cinema da Europa do Leste. entre os contidos desta edición, a ollada programada sobre el na sección Impropias, ten un especial interese dada a actualidade, xa que o triste episodio que estamos vivindo en Europa pon, se cabe máis no foco, a realidade sociopolítica deste territorio". A sección está comisariada pola programadora búlgara Mariana Hristova. Ademais dela, Estévez Lavandeira destacou presenza no festival do cineasta catalán Ferrán Llagostera, "moi vencellado a Galicia cos seus traballos, e que nos trae material inédito sobre os traballos dos mariñeiros en Terranova, tamén de triste actualidade". Será dentro da sección Trazas.
Tamén salientou que "a colaboración coa Galician Film Forum e co Kings College de Londres leva a MICE e o noso cinema alén das nosas fronteiras, posibilitando a estrea británica de Nego Púrpura, das Creadoras Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, (A Illa Bufarda)". Ana Estévez Lavandeira lembrou que, un ano máis se conseguiu unha representación feminina do 50% dos máis de 30 filmes que se poderán ver nesta 17 edición.
Durante o acto proxectouse a pequena peza audiovisual producida pola MICE e que nesta edición, fixo a cineasta Sol Mussa. Ao remate da presentación, inaugurouse, na ala Sur do Museo do Pobo Galego, a exposición, que forma parte do programa da 17MICE, "Coreografías do facer": O traballo feminino nos fondos Henningsen, con fotografías que o folclorista, antropólogo histórico e investigador dinamarqués Gustav Henningsen fixo durante un traballo de campo en Galicia, entre 1964 e 1968 e que estará exposta até o 1º de maio.
Na semana do 28 de marzo ao 2 de abril, o público poderá ver na sección oficial, 19 filmes de nove nacionalidades que optarán ao premio a Mellor Filme, entre elas, tres galegas: O último de Arganeo (David Vázquez) , Notas sobre os cesteiros de Mondariz ( Fon Cortizo) e Resonancias do pasado ( Antonio Caeiro). A selección de filmes galegos, tanto na sección oficial coma na sección Lindes, ten en común, ademais do traballo, a memoria colectiva e patrimonial. Vanse poder ver nesta sección A virxe roxa de Marcos Nine, Nación de Margarita Ledo e Cadernas de Olloboi, do Festival Olloboi, convidado nesta edición. Ademais da exposición de fotografías de Gustav Henningsen, esta semana tamén se poderá gozar das actividades previas á semana grande do festival. O mércores 23, ás 18:30 a 17 MICE presenta no auditorio do Museo, dúas curtas da cineasta Xisela Franco, desenvoltas polo proxecto Atlantic CultureScape / A Guarda, e que visibilizan o patrimonio inmaterial da vila. Entrada de balde até completar a capacidade.