Estás en:Emprego Novas

A Deputación destina 87.500 euros para pavimentar a estrada ao Mirador de Vieiro, en Aranga

O pleno deste venres, 25 de marzo, aprobará o convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Aranga para executar obras de pavimentación nesta vía municipal

A Deputación financiará a través deste acordo o 80 % do custo total da iniciativa, que permitirá corrixir deficiencias e mellorar a seguridade do tráfico rodado

A Deputación destina 87.500 euros para pavimentar a estrada ao Mirador de Vieiro, en Aranga

Mirador de Vieiro, no concello de Aranga. Foto: Turismo de Galicia

A Deputación da Coruña levará ao pleno do venres, 25 de marzo, a aprobación dun convenio de colaboración co Concello de Aranga para pavimentar a estrada de Gallado - Miradoiro de Vieiro. O proxecto está valorado en 87.500 euros, dos que a Deputación achegará 70.000 euros, é dicir, o 80 % do custo total.

As obras servirán para acondicionar o firme dunha estrada que na actualidade presenta deficiencias por mor do paso do tempo e o seu uso. A día de hoxe, a capa de rodaxe conta con fochancas que repercuten de forma negativa nos vehículos que transitan pola zona. Como resposta, a Deputación apoiará ao Concello na limpeza do pavimento existente e na posterior pavimentación con mestura bituminosa en quente.

Os traballos tamén permitirán formar e limpar gabias a ambos lados da vía e pintar nova sinalización horizontal na plataforma. O prazo de execución da proposta será de catro meses desde o comezo nas obras.

"Seguimos a reafirmar o noso compromiso e colaboración cos pequenos municipios coruñeses para levar a cabo actuacións que incrementen a seguridade da súa rede viaria, ofrecendo a veciñanza e visitantes unhas infraestruturas acondicionadas e unhas mellores conexións", sinala o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X