Estás en:Emprego Novas

Ana Lamas asiste en Santiago á inauguración da nova sede de Aspanaes

A deputada de Benestar Social destacou o "relevante traballo" que fan desde a asociación a prol das persoas con trastorno de espectro autista (TEA)

A Deputación da Coruña colabora coa entidade achegando 125.000 euros para financiar o servizo de atención diúrna terapéutica

Ana Lamas asiste en Santiago á inauguración da nova sede de Aspanaes

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, asistiu hoxe en Santiago de Compostela á inauguración da nova sede da Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista (Aspanaes), entidade coa que a Deputación da Coruña mantén unha colaboración constante nos últimos anos.

A administración provincial apoia o servizo de atención diúrna terapéutica da asociación a través dunha liña de subvención de 125.000 euros para adquirir novo equipamento para o espazo común da entrada, o comedor, o despacho de dirección, a sala de reunións, as aulas de informática e de terapia ocupacional, usos múltiples, aseos, aula multisensorial, sala de artes plásticas e a caseta de xardín.

Co servizo de atención diúrna, Aspanaes está en disposición de prestar axuda a un total de 50 usuarios e usuarias con TEA e ás súas familias a través de servizos de avaliación e seguimento, así como de actividades de lecer, logopedia, estimulación cognitiva e atención psicolóxica. A prestación da apoio a persoas de 0 a 59 anos nas comarcas de Ordes (Ordes e Trazo), Santiago (Ames, Santiago e Teo), Sar (Padrón) e Arzúa (Arzúa, O Pino, Touro).

No acto, Ana Lamas destacou "o relevante traballo" que fan desde a asociación a prol das persoas con TEA e, no nome da Deputación da Coruña, deu os parabéns "por ter, por fin, esta nova sede en funcionamento, o que claramente vai redundar no benestar e na calidade de vida das persoas usuarias".

Aspanaes leva a cabo desde a súa creación, no ano 1979, un importante labor para impulsar as fortalezas das persoas con TEA, o fomento e participación activa das familias ou a sensibilización deste trastorno. Segundo sinalan deste a propia entidade, na actualidade, cada 100 nacementos hai aproximadamente un caso de TEA.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X