Estás en:Emprego Novas

José Ramón Rioboo sitúa a provincia da Coruña como “referente” no novo modelo enerxético do hidróxeno verde

O deputado de Emprego inaugurou a reunión empresarial sobre hidróxeno verde organizada por Asime e destacou o potencial do hidróxeno verde como "enerxía do futuro"

"En Galicia podemos ser protagonistas na produción de hidróxeno verde grazas ao noso potencial nas enerxías renovables", afirmou.

Rioboo aposta por "conseguir que as empresas non veñan a Galicia só a explotar os recursos e exportalos senón que a enerxía quede xerando riqueza, oportunidades laborais e emprego"

José Ramón Rioboo sitúa a provincia da Coruña como “referente” no novo modelo enerxético do hidróxeno verde

O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, participou hoxe na reunión empresarial sobre hidróxeno verde organizada pola Asociación de Industrias del Metal y Tecnologías Asociadas de Galicia (Asime) e aproveitou a súa intervención para situar a provincia da Coruña como "referente" no novo panorama enerxético nacional.

No encontro, celebrado no Hotel Finisterre da Coruña, participaron representantes de 40 empresas vinculadas con proxectos de hidróxeno, da Universidade da Coruña e do sector público a través das Autoridades Portuarias da Coruña e Ferrol, ao igual que a Deputación da Coruña.

"É neste tipo de espazos onde comezan a crearse as sinerxías ou a sentar as bases de estratexias e modelos de acción que nos permitirán avanzar neste sector. Creo que deste encontro poden saír grandes avances no que se refire ao noso posicionamento como territorio referente no novo mapa enerxético estatal", comentou Rioboo.

O deputado cualificou ao hidróxeno verde como "a enerxía do futuro". "Todos os que estamos aquí sabemos que será clave para alcanzar un futuro enerxético limpo, seguro e asequible. Sen ir máis lonxe, permitiranos descarbonizar sectores como o transporte pesado, a siderurxia, a industria química...", afirmou.

Rioboo salientou a "vantaxe" que ten Galicia para ser "un referente na produción de hidróxeno verde" grazas "ao noso potencial nas enerxías renovables, imprescindibles para a súa xeración" e porque "temos proxectos, como amosan algunha das empresas hoxe aquí representadas".

"Non é casualidade que desde Galicia se lanzasen 35 proxectos de hidróxeno verde, con 700 millóns de euros de investimento, para optar ao PERTE estatal das enerxías renovables", subliñou o deputado, que fixo tamén referencia ao "protagonismo da provincia da Coruña neste cambio de modelo enerxético" alegando que "dous dos proxectos que citaba anteriormente presentáronse para crear unha planta de hidróxeno verde nas Pontes".

José Ramón Rioboo alertou de que "de nada vale con alegrarnos no noso potencial, debemos tomar as rendas e para iso a coordinación e a colaboración público-privada serán clave para competir con éxito e que os fondos acaben converténdose en proxectos reais".

"É moi importante que consigamos que as empresas non veñan a Galicia a explotar os recursos e exportalos a outras zonas senón que a enerxía que se xere en Galicia quede en Galicia, creando riqueza, oportunidades laborais e emprego, como xa están facendo algunhas empresas", rematou.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X