As Xornadas de Dereito Administrativo Iberoamericano volven ao Pazo de Mariñán
O presidente Valentín González Formoso e o reitor da UDC, Julio Abalde, asinaron o convenio polo que a Deputación cede o Pazo bergondés como sede deste congreso internacional, que chega á súa 13ª edición
Expertos de universidades de ambos lados do Atlántico debaten no pazo bergondés sobre boa administración e procedemento administrativo
Expertos en Dereito administrativo de vinte universidades de España, Arxentina, Uruguay, Ecuador, El Salvador, Colombia, Perú, México, Panamá e Venezuela participan durante esta semana no Pazo de Mariñán (Bergondo) na décimo terceira edición das xornadas de Dereito Administrativo Iberoamericano, que recuperan a súa actividade tras ser suspendidas en 2021 pola pandemia.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron o convenio de colaboración polo que a institución provincial cede o pazo bergondés para acoller este importante congreso internacional, que reúne a algúns dos principais expertos académicos en Dereito Administrativo dos países hispanos e que nesta edición estará centrado na boa administración do proceso administrativo.
Formoso destacou destacou a longa traxectoria de colaboración entre a institución provincial e a UDC para "converter, un ano máis, á provincia da Coruña no epicentro do Dereito Administrativo do mundo hispano". "Desde hai trece anos, a Deputación e a UDC colaboran na organización deste encontro internacional que permite compartir experiencias, coñecementos e boas prácticas en Dereito Administrativo de ambos lados do Atlántico", afirmou o presidente provincial.
Ata o vindeiro venres, os participantes no congreso abordarán cuestións relacionadas coa boa administración en asuntos coma os procedementos de responsabilidade patrimonial, o dereito urbanístico, a contratación pública, os procedementos sancionadores ou o dereito ambiental en Iberoamérica.