Estás en:Emprego Novas

A Deputación celebra o Día Internacional da Danza en 6 concellos da Costa da Morte

Pon en marcha o proxecto ESCORA para visilibizar o traballo artístico das compañías de danza galegas, con accións de proximidade que presentan unha oportunidade de achegar a danza a espazos pouco habituais para esta disciplina artística

Terá lugar na fin de semana do 22, 23 e 24 de abril e conta coas actuacións de 6 compañías de danza do territorio galego en 6 concellos da Costa da Morte: Fisterra, Muxía, Laxe, Camariñas, Malpica de Bergantiños e A Laracha (Caión)

A Deputación celebra o Día Internacional da Danza en 6 concellos da Costa da Morte

A danza contemporánea percorre A Costa da Morte, tomando o mar como atrezzo e conectando os corpos coa natureza, a través de obras que teñen un importante vínculo coa lingua e coa memoria. Así é a filosofía do programa ESCORA da Deputación da Coruña, que levará 6 compañías de danza a 6 concellos da Costa da Morte, no marco da celebración do Día Internacional da Danza para o ano 2022.

O programa, que se desenvolverá a fin de semana do 22, 23 e 24 de abril, conta coas actuacións das compañías do territorio galego, Clara Ferrao, Colectivo Glovo, Elahood, Eva Comesaña, Kirenida Danza e Marcia Vázquez nos concellos de Fisterra, Muxía, Laxe, Camariñas, Malpica de Bergantiños e A Laracha (Caión).

O proxecto ofrece tres días cheos de danza, con intervencións nas mañás e nas tardes, convidando aos públicos a facer unha ruta pola Costa da Morte, comezando en Fisterra o venres 22 de abril pola mañá e rematando en Malpica de Bergantiños o domingo 24 de abril pola tarde. Deste xeito, ESCORA preséntase como punto de encontro para as artes escénicas, a danza, a paisaxe, o patrimonio, a lingua e a comunidade.

Os espazos escollidos son non convencionais, xerando a oportunidade de achegar a danza ás prazas, á rúa, á pedra, con vontade de presentar unha programación de proximidade para públicos diversos. Seguindo esta intención, unha vez rematadas as intervencións artísticas, haberá un encontro coas artistas e co público, un espazo de intercambio e proximidade mediado por Marcia Vázquez e Sabela Ramos.

ESCORA é un proxecto da Deputación da Coruña que busca visilibizar o traballo artístico das compañías de danza galegas, con accións de proximidade que presentan unha oportunidade de achegar a danza a espazos pouco habituais para esta disciplina artística.
A programación conta cunha estrea absoluta, o espectáculo Alleo de Colectivo Glovo, a compañía afincada en Lugo, presenta a súa nova peza por primeira vez ante un público. Tamén forman parte do programa a galardoada peza Intempestiva, da compañía Elahood e E_migrantas de Kirenia Danza, ambos espectáculos atenden ás raíces da nosa terra galega, cunha achega á figura de Xela Arias e un retrato da emigración da última diáspora galega respectivamente, ambas compañías veñen da zona da Coruña e Oleiros. Dende Vigo contamos cos espectáculos Onde pousa a humidade de Marcia Vázquez, Miña Xoia de Clara Ferrao e Terra Firme de Eva Comesaña, tres solos de danza creados e interpretados por mulleres.

Programa
Venres 22 de abril
11.30h | Concello de Fisterra. Explanada do Porto de Fisterra (en caso de choiva: Salón de Actos)
Eva Comesaña | Terra Firme
Elahood | Intempestiva
Encontro co público mediado por Sabela Ramos

19h | Concello de Muxía. Explanada do Paseo Marítimo (en caso de choiva: Sala Camposa)
Eva Comesaña | Terra Firme
Marcia Vázquez | Onde pousa a humidade
Encontro co público mediado por Sabela Ramos

Sábado 23 de abril
12h | Concello de Laxe. Praza dos Voluntarios (en caso de choiva – Pavillón Polideportivo Municipal)
Elahood | Intempestiva
Kirenia Danza | E_migrantas
Encontro co público mediado por Marcia Vázquez

19h | Concello de Camariñas. Praza da Insuela (en caso de choiva: Casa de Pedra)
Marcia Vázquez | Onde pousa a humidade
Kirenia Danza | E_migrantas
Encontro co público mediado por Sabela Ramos

Domingo 24 de abril
12h | Caión (A Laracha). Praza Eduardo Vila Fano (en caso de choiva: Centro sociocomunitario de Caión)
Clara Ferrao | Miña Xoia
Colectivo Glovo | Alleo
Encontro co público mediado por Marcia Vázquez

18.30h | Malpica de Bergantiños. Paseo da Praia (en caso de choiva: Centro Cultural de Malpica)
Clara Ferrao | Miña Xoia
Colectivo Glovo | Alleo
Encontro co público mediado por Marcia Vázquez

Espectáculos
EVA COMESAÑA | TERRA FIRME
TerraFIRME navega entre diferentes mares para atopar tradición, costumes e calma na terra, afondando na memoria para facer reflexión do presente, recuperando labores das nosas ancestras que alimentan a imaxinación e nos transportan ás nosas raíces.
Ten como nexo común as corporalidades sistémicas de mulleres que carregan auga na testa, machucan o millo, lavan e secan no río e coidan en vilo.

ELAHOOD | INTEMPESTIVA
Serse Intempestiva.
Os corpos de Elahood entran nun xogo de identidades coa figura e obra de Xela Arias. Xénero, identidade galega, raíces e precariedade entrelázanse para cuestionar que é facer algo de proveito.

MARCIA VÁZQUEZ | ONDE POUSA A HUMIDADE
Un solo que naufraga na espera e a relación do corpo en tempo presente e pasado. Inspírase na Costa da Morte, Galiza. "Unha homenaxe ás mulleres, as que sempre agardan a que o océano lles devolva, polo menos, os restos de ósos dos seus parentes. Mentres, o sal cuartea as súas mans que tecen, rede a rede, o que as mantén en terra".

KIRENIA DANZA | E_MIGRANTAS
E-migrantas é unha danza sobre a última diáspora galega. Esther Latorre e David Loira bailan a experiencia emigrante da última xeración. Partimos dun dato contundente: na última década 47.105 persoas entre os 20 e os 39 anos abandonaron Galicia na procura de contextos laborais máis favorables. Pensamos que a emigración atravesa tamén a nosa identidade actual e queremos bailala para comprendela. Imos bailar a emigración con estatísticas, poemas, tecela de vivencias, memorias e esperanzas cun obxectivo: coñecer o que sucede coa emigración galega do século XXI e si, esta vez, imos contar a última diáspora bailando.

COLECTIVO GLOVO | ALLEO
Todo comeza alí arriba, onde axexamos o que acontece e se rexistra o alleo do campo e do mar. Desde a miña posición apréciase a verdade; a torre é cálida, é laranxa. Os raios de sol fúndense nas fisuras e rompen baixo pedras rotundamente terrenais. Aquela ardente soidade, queima e destrúe o privilexio do indicio deixándonos no abandono ante a eterna inmensidade.
Alleo baséase na idea da atalaia. Parte do condicionamento da "privilexiada" posición da torre e de quen desempeñaba o papel da vixilancia. Habitamos ambos corpos: o poder que outorgaba o coñecemento do descoñecido e do que estaba por vir así como a soidade desa posición e do peso do descubrimento do alleo.

CLARA FERRAO | MIÑA XOIA
"Un corpo, unha vibración, un croque, una fractura. Non me destrúe.
Esta situación non se ten en conta, e eu, miñaxoia, confío en que isto vai cambiar.
Ás veces todo parece invisible, só está o corpo, só o cansazo, só o movemento inesgotable que me permite recoñecer onde me atopo.
A casualidade organizada abre un espazo en branco no que poder entrar.
O corpo esfúmase, atopa unha nova vibración.
O corpo transfórmase, haberá unha solución que descoñezo."

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X