Estás en:Emprego Novas

A Deputación destina 7,2 millóns en axudas a peme, microempresas e persoas autónomas

Formoso destaca que o orzamento do PEL 2022 increméntase nun 38% respecto ao ano pasado

"O PEL permitirá seguir creando emprego nun contexto económico adverso, con axudas que poden alcanzar os 45.900 euros e serán compatibles entre si", afirma o presidente

O PEL financia contratación de persoal, investimentos que melloren a competitividade das pequenas empresas e cotas á Seguridade Social de persoas autónomas

O prazo solicitude das axudas PEL 2022 permanece aberto desde hoxe ata o 11 de maio ás 14.00 horas

A Deputación destina 7,2 millóns en axudas a peme, microempresas e persoas autónomas

Formoso e Rioboo presentaron o PEL 2022, que incrementa o seu orzamento nun 38%

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e o deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Rioboo, presentaron hoxe a nova convocatoria de axudas do Plan de Emprego Local (PEL-2022), que este ano conta cun orzamento inicial de 7.260.000 euros para apoiar a contratación de persoal, a realización de investimentos nos negocios e a sufragar os custos das cotas á Seguridade Social por parte dos autónomos.

"Estamos ante o PEL cun maior orzamento inicial, xa que todas as liñas de axudas ven incrementadas as súas partidas con respecto ao ano pasado", afirmou Valentín González Formoso, que explicou que o PEL 2022 incrementa nun 38% o orzamento con respecto ao pasado ano e "permitirá seguir creando emprego e impulsar con axudas de entre 1.200 e 45.900 euros a reactivación económica, o pequeno comercio, as persoas autónomas e microempresas" nun contexto económico "complexo e adverso".

Formoso explicou que, dos 7,2 millóns de orzamento do PEL, 3,5 millóns destinaranse a subvencionar a contratación e ao mantemento de persoas traballadoras, 2,76 millóns a financiar novos investimentos en pequenas empresas de recente creación e 1 millón a liña PEL-AUTONOM@S, que tivo unha grande demanda no seu primeiro ano, polo que en 2022 ve duplicado o seu orzamento.

100 millóns de investimento e 4.500 empregos creados en seis anos

O presidente explicou que o PEL é unha aposta transversal do Goberno da Deputación ao que se destinaron 100 millóns de euros nos últimos seis anos. Grazas a este investimento sen precedentes na área de emprego, nos 6 anos transcorridos desde a creación do PEL, a Deputación axudou a crear 4.500 empregos, apoiou a 3500 empresas e creou unha rede de provincial de espazos de coworking que xa conta con once centros en funcionamento.

As estimacións do Goberno provincial son que as axudas á contratación permitan crear 300 empregos este ano, que máis de 500 persoas autónomas podan acceder á subvención das cotas da Seguridade Social durante un ano e que máis de 400 peme reciban o apoio económico da Deputación ara investimentos que melloren a competitividade dos seus negocios.

A nova realidade económica pon de manifesto que non só é importante dinamizar e tratar de que se poña en marcha o maior número de empresas posible, senón que tamén é preciso deseñar mecanismos necesarios para apoiar a supervivencia e o fortalecemento das empresas, mellorando a súa capacidade de resiliencia.

A axilización da xestión e tramitación das axudas considerouse como un reto no deseño das novas liñas co fin de axilizar tempos en todas as fases da tramitación, simplificar ao máximo a documentación a presentar polos solicitantes e que o pago das axudas realícese o máis axiña posible ás persoas e entidades destinatarias, facendo coincidir os investimentos, as contratacións e as actividades subvencionables co ano natural.

Todas as liñas de axudas PEL ven incrementado o seu orzamento inicial

Co obxectivo de chegar a un maior número de empresas as axudas PEL 2022 ven incrementado o seu orzamento inicial nun 38% respecto do ano anterior, pasando de 5,26 millóns de euros a 7,26.

 

Orzamento inicial 2021

Orzamento inicial 2022

Incremento

PEL-Emprende Investimento

2.260.000,00 €

2.760.000,00 €

22,12%

PEL-Autónom@s

500.000,00 €

1.000.000,00 €

100%

PEL-Pemes Creación e Ampliación

2.000.000,00 €

2.500.000,00 €

25%

PEL-Pemes Mantemento

500.000,00 €

1.000.000,00 €

100%

TOTAL

5.260.000,00 €

7.260.000,00 €

38%

Un ano máis todas as axudas PEL serán compatibles entre si. Deste xeito, unha persoa autónoma con domicilio fiscal nun concello de menos de 20.000 habitantes podería optar a un total de 45.900 euros entre as catro liñas.

Axuda máxima

PEL-Emprende Investimento

17.500€

PEL-Autónom@s

2.400€

PEL-Pemes Creación e Ampliación

15.000€

PEL-Pemes Mantemento

11.000€

TOTAL

45.900

PEL-Autónom@s, 1 millón de euros para persoas autónomas de concellos de menos de 20.000 habitantes

A Deputación da Coruña recoñece o importante papel que xogan os autónomos no tecido económico provincial. Coa experiencia acadada na convocatoria 2021 e co fin de chegar a un maior número de beneficiarios duplícase o orzamento da anualidade 2022 destinado a esta liña, pasando de medio millón a un millón de euros, tras elevada demanda rexistrada por parte dos autónomos e autónomas de provincia no ano do seu lanzamento.

Convócase unha axuda destinada ás persoas autónomas da provincia con menos de 5 anos de antigüidade na actividade empresarial e con domicilio fiscal en concellos de menos de 20.000 habitantes.
As persoas autónomas poden solicitar unha axuda máxima de ata 2.400 € para sufragar ata un ano de cotas á Seguridade Social. Establécese tamén como requisito que o beneficiario solicite un mínimo de seis mensualidades de cotas sociais correspondentes o ano 2022.

PEL-Emprende investimento ve incrementado o seu orzamento inicial en medio millón de euros

A liña PEL-Emprende Investimento, dotada con 2.760.000 euros, está destinada a autónomos, peme e microempresas que conten como máximo con cinco anos de antigüidade e domicilio fiscal en calquera dos concellos da provincia da Coruña.

As axudas cubrirán ata o 70% dos investimentos realizados en de aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario e equipos para procesos de información, cun importe máximo a conceder de 17.500 euros, sen IVE. Todos eles deben ser elementos novos e directamente relacionados coa actividade da empresa.

O orzamento desta liña incrementase de xeito destacable, pasando de 2.260.000€ en 2021 a 2.760.000€ na convocatoria de 2022, o que supón un incremento de máis dun 22%.

PEL-PEMES, axudas á realización de novas contratacións e ao mantemento das indefinidas

A liña PEL-Pemes Creación e Ampliación do cadro de persoal adaptase á nova realidade laboral regulada polo Real Decreto-lei 32/2021, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, modificándose o período mínimo subvencionable, que nesta anualidade pasa a ser dun mínimo de 6 meses.

Cada empresa poderá solicitar a subvención para a contratación dun/unha traballador/a durante un período de 12 meses, durante os cales a subvención cubrirá como máximo o 70% dos custos salariais totais da persoa traballadora. O contrato poderá ter unha duración superior a 12 meses, pero a subvención cubrirá unicamente os custos correspondentes aos meses do contrato incluídos dentro da anualidade 2022. Se ben o contrato deberá formalizarse por unha duración mínima de 6 meses.

A contía máxima da subvención a conceder será o 70% dos custes estimados de contratación co límite de 15.000,00 € para as contratacións a xornada completa.

Pola súa banda, as axudas de PEL-Pemes mantemento do cadro de persoal ven duplicado o seu orzamento inicial, pasando de medio millón a un millón de euros.

O obxecto desta liña é a concesión dunha axuda para o mantemento do posto de traballo indefinido creado ao abeiro da axuda PEL-Pemes Creación e Ampliación 2021.

A contía máxima da subvención a conceder será o 50% dos custes estimados de contratación co límite de 11.000 € polo mantemento durante doce meses dun contrato indefinido a xornada completa no que a persoa contratada pertenza a algún dos colectivos vulnerables (inscrito como desempregado de longa duración nos Servizos Públicos de Emprego, muller, menor de 30 anos, maior de 45 anos ou persoa con diversidade funcional) e de 10.000 € polo mantemento durante doce meses dun contrato indefinido a xornada completa ou a parte proporcional correspondente naquelas contratacións realizadas a tempo parcial.
En ambas axudas de PEL-Pemes amplíanse os conceptos de gasto subvencionables, xa que ademais de sufragar os soldos e salarios e a seguridade social a cargo da empresa tamén inclúense, entre outros gastos sociais, os relativos á prestación por Incapacidade Temporal (IT) a cargo do empresario.

A presentación de solicitudes permanecerá aberta desde o 11 de abril ata o 11 de maio ás 14.00 horas e realizarase de xeito telemático, a través da plataforma SUBTeL da Deputación: https://sede.dacoruna.gal/subtel/
O Plan de Emprego Local, posto en marcha polo Goberno provincial en 2016, creou máis de 4.000 novos empregos desde os seus inicios ata a actualidade e supón unha aposta estratéxica polo emprendemento e a creación de novos postos de traballo sen precedentes na historia da Deputación da Coruña.


Pode consultar o documento de preguntas frecuentes na seguinte ligazón: https://emprego.dacoruna.gal/files/8416/4845/8519/FAQ_AXUDAS_PEL_2022.pdf

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X