Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña financia 79.802 horas de servizo de axuda no fogar nos concellos da Costa da Morte e Bergantiños

Valentín González Formoso destaca que a Deputación reforzou todos os seus programas sociais e financia hoxe 100.000 horas máis de axuda no fogar que hai dous anos

O BOP publica hoxe o programa de Servizos Sociais Comunitarios, que permite aos concellos da comarca contratar a 35 profesionais especializados na área social e financiar 79.802 horas de axuda a domicilio, un servizo esencial para a atención de maiores e dependentes nos pequenos concellos

A Deputación da Coruña financia 79.802 horas de servizo de axuda no fogar nos concellos da Costa da Morte e Bergantiños

A Deputación da Coruña publica hoxe no BOP a concesión definitiva do Programa de Servizos Sociais Comunitarios 2022, que suporá un importante investimento de 8,3 millóns de euros para financiar a contratación de 177 profesionais do ámbito social e un total de 386.823 horas de servizo de axuda no fogar nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia.

Nos concellos das comarcas de Bergantiños e Costa da Morte, a Deputación financiará este ano cun investimento de preto de 1,7 millóns de euros a contratación de 35 profesionais e un total de 79.802 horas de axuda no fogar, "un servizo imprescindible para a atención de maiores e dependentes, especialmente nos concellos rurais, que ademais dá emprego a máis dun centenar de persoas na provincia", segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

"Seguimos a cumprir co noso compromiso de reforzar todos os programas de protección social, tanto os da Deputación como os que dan apoio aos municipios da provincia", afirmou o presidente provincial, que destacou que "a Deputación financia hoxe na provincia 100.000 horas máis de servizo de axuda no fogar na provincia que hai dous anos".

Formoso subliñou o gran esforzo que teñen que facer os pequenos concellos para poder contar cun cadro de persoal de profesionais especialistas no eido social. "Por este motivo seguimos incrementando a dotación económica deste programa, un dos piares da Área Social da Deputación, permitindo que os concellos poidan contratar máis persoal administrativo, técnico e de axuda a domicilio", incidiu.

"Os profesionais que a Deputación axuda a contratar son os que buscan solucións aos problemas diarios das persoas máis desfavorecidas ou que atravesan situacións difíciles, os que atenden nas casas aos maiores e dependentes", explicou González Formoso, que destacou que moitos municipios viron incrementada a carga de traballo dos seus servizos sociais nos últimos dous anos debido á pandemia e á situación socioeconómica.

Estes profesionais atenden cada día a miles de cidadáns con problemas de índole social, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.

O orzamento dedicado ao Programa de Servizos Sociais Comunitarios incrementouse durante o mandato de Valentín González Formoso de 4 a 8,3 millóns de euros

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X