Estás en:Emprego Novas

A Deputación abre o 28 de abril o prazo de solicitude das axudas aos sectores aos sectores agrícola, gandeiro, pesqueiro e do transporte

Publica hoxe no BOP as bases do programa, dotado con 5 millóns de euros. As axudas, de 3.000 euros por beneficiario, serán concedidas por orde de entrada

Formoso subliña "o compromiso" da Deputación para apoiar a estes sectores estratéxicos, especialmente afectados pola difícil situación económica actual e anuncia que se tramitarán de xeito urxente e simplificado "para que podan ser cobradas nun prazo de horas ou días"

Os fondos serán distribuídos entre pequenas empresas, microempresas e profesionais autónomos da provincia dos sectores agrícola, gandeiro, pesqueiro e de transporte de mercadorías por estrada, especialmente afectados pola alza dos combustibles e subministracións derivadas da guerra de Ucraína

A Deputación abre o 28 de abril o prazo de solicitude das axudas aos sectores aos sectores agrícola, gandeiro, pesqueiro e do transporte

Presentación do programa na sede da Deputación con representantes dos colectivos ás que van dirixidas as axudas

Deputación da Coruña abrirá o vindeiro xoves, 28 de abril, ás 9.00 horas, o prazo para solicitar as subvencións do programa urxente de axudas directas aos sectores agrogandeiro, pesqueiro e do transporte de mercadorías por estrada, sectores estratéxicos na provincia gravemente afectados pola suba do prezo dos carburantes e as consecuencias económicas da guerra de Ucraína.

Así o anunciou hoxe o presidente, Valentín González Formoso, no día en que o Boletín Oficial da Provincia publica as bases do programa, que está dotado con 5 millóns de euros de orzamento total e contempla axudas de 3.000 euros por beneficiario, que serán concedidas por orde de entrada ata o esgotamento do crédito.

"Son axudas de carácter urxente, que queremos tramitar coa maior axilidade posible porque somos conscientes da difícil situación que atravesan as pequenas empresas e autónomos destes sectores. Para iso, aproveitaremos a experiencia adquirida pola Deputación durante a pandemia co programa Reactiva de axudas á hostalaría", afirmou.

O prazo medio des pagamento das axudas á hostalaría en 2021 foi de 7 días, chegando a alcanzar un tempo mínimo de sete horas desde a solicitude ata o cobro, "un récord na tramitación de subvencións da Deputación, que esperamos repetir agora ante outra situación excepcional como a que vivimos", afirmou Formoso, que indicou que o obxectivo é que o programa beneficie a preto de 1.700 pequenas empresas e autónomos destes tres sectores.

Concretamente, están destinadas ás persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, pequenas empresas e microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que figuren dadas de alta con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022, no censo de actividades económicas en calquera dos sectores de actividade relacionados a continuación, e que cumpran os seguintes requisitos: Ter o domicilio fiscal nun concello da provincia da Coruña; estar dadas de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, no caso de persoas físicas; non atoparse incursas en ningunha das circunstancias recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e estar dadas de alta nalgún dos sectores de actividade seguintes, segundo figure no seu Certificado de Situación Censual actualizado:

 

Sectores agrario, gandeiro, pesqueiro e do transporte

SECTOR

ACTIVIDADE

SECCIÓN

DIVISIÓN

AGRUPACIÓN

GRUPOS

EPÍGRAFES

SERVIZOS AGRÍCOLAS, GANDEIROS, FORESTAIS E PESQUEIROS*

EMPRESARIAL

1

0

 

01- 07

 

011 - 071

EMPRESARIAL

1

9

91

911 e 912

PROFESIONAL

2

0

09

099

*Estarán tamén incluídos aqueles solicitantes nos que consonte o artigo 78.2 do RD Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais, non teñen a consideración de actividades empresariais aos efectos do IAE e non quedan suxeitos ao feito impoñible deste imposto Código/ Actividade :B01 Agrícola,B02 Gandeira e B05 Pesqueira

TRANSPORTE DE MERCADORÍAS POR ESTRADA

EMPRESARIAL

1

7

72 e 75

722 e 751.6

PROFESIONAL

2

6

61 e 69

612 e  699

*(912) Neste epígrafe só serán subvencionables os servizos relacionados coa pesca

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do 28 de abril e permanecerá aberto ata o esgotamento do crédito.

Así, as persoas e empresas que desexen optar ás axudas unicamente deberán acceder á convocatoria co código MUR-COMB_SUBM/2022 na plataforma SUBTeL (sede.dacoruna.gal/subtel) e presentar a seguinte documentación:
• Certificado de Situación Censual da Axencia Estatal Tributaria actualizado.
• Certificado de Vida Laboral do/a autónomo/a actualizado onde conste a data de alta no RETA, no caso de persoas físicas.
• Documento que acredite a representación, no caso de persoas xurídicas e/ou físicas que actúen a través de representante.
• Información dos datos bancarios onde se ingresará a axuda.

Este programa urxente de 5 millóns de euros súmase ás axudas para peme, autónomos e emprendedores do PEL-2022, destinadas a todos os sectores, que contan cun orzamento de 7,2 millóns de euros e cuxo prazo de solicitudes está aberto ata o 11 de maio. Inclúen axudas á contratación de persoal, ao investimento e para subvencionar as cotas de autónomos á Seguridade Social.

Unha vez máis, a Deputación da Coruña pon en marcha medidas para paliar efectos socioeconómicos desfavorables para o territorio e contribuír á reactivación económica da provincia, sen deixar a ninguén atrás.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X