Estás en:Emprego Novas

A Deputación homenaxea na Gala de Premios culturais a 31 persoas e entidades premiadas

O presidente da Deputación salientou "a importancia estratéxica que ten a industria cultural galega" á que cualificou como "un sector fundamental para o desenvolvemento social e económico de Galicia e para a proxección exterior do noso país"

O deputado de Cultura puxo en valor que "a Deputación ten un modelo cultural propio, baseado na lingua como piar irrenunciable, nunha visión da cultura con capacidade de transformación social, e asentado no territorio en colaboración con concellos e entidades"

Todas as persoas premiadas recibiron unha escultura creada por Soledad Penalta e participaron nunha acción colectiva no escenario, colocando cada unha delas unha luz para contribuír a iluminar a escenografía do evento

A Deputación homenaxea na Gala de Premios culturais a 31 persoas e entidades premiadas

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, acompañados por parte da corporación provincial, encabezaron esta tarde a Gala de Premios culturais da Deputación na que se homenaxearon as 31 persoas e entidades premiadas nas convocatorias de 2020 e 2021.

A Gala foi especial e atípica ao agrupar premiados e premiadas dos dous exercicios nos que non se puido realizar o habitual acto de entrega anual e supuxo, ademais, a primeira vez que se celebrou no Teatro Colón. Tamén como novidade, contou cun fío condutor a través de diversas accións que tiveron como protagonista a luz, co obxecto de escenificar a achega que todas as persoas premiadas fixeron á Cultura, e por tanto á sociedade. Neste sentido, Valentín González Formoso, na súa intervención institucional, felicitou as gañadoras e gañadores dos 31 galardóns e felicitouse de poder recuperar a presencialidade desta gala cultural tras dous anos de limitacións pola pandemia.

"Na Deputación somos conscientes da importancia estratéxica que ten a industria cultural galega, un sector fundamental para o desenvolvemento social e económico de Galicia e para a proxección exterior do noso país", afirmou Formoso, que lembrou que do sector cultural dependen máis de 30.000 empregos e representa arredor do 2% do PIB galego. "Estamos falando de cifras similares ao do sector da pesca, que entendo que ninguén negará que é fundamental e estratéxico para a economía de Galicia", afirmou o presidente, que indicou que a pesar destas cifras e da seria afectación que a pandemia causou ao sector cultural, a proporción do gasto en cultura sobre o orzamento total da Xunta vén sendo inferior ao 1% nos último anos, segundo os datos do Consello da Cultura Galega. "Na Deputación da Coruña cremos que a cultura en Galicia conta cun enorme potencial aínda por desenvolver, por iso tratamos de apoiar os nosos creadores e creadores premiando o seu talento con galardóns coma estes e por iso tratamos de facer a cultura accesible a todas as persoas, levándoa a todos os recunchos da nosa provincia", sostivo.

Pola súa banda, Xurxo Couto puxo en valor o apoio que a Deputación da Coruña vén prestando á creación artística, a través da convocatoria dun amplo repertorio de premios en diferentes ámbitos e disciplinas, ás que este ano se lle engaden as convocatorias para as Residencias Artísticas no Pazo de Mariñán. "Este apoio nin é anecdótico nin é un mero ornamento", asegurou Xurxo Couto, engadindo que "é unha liña de traballo estable e sólida. Unha liña de traballo que implica a preto de 150 persoas remuneradas porque, non nos cansamos de reinvidicalo, todos os elos do sistema cultural deben ser tratados profesionalmente,".

O deputado de Cultura asegurou que a Deputación da Coruña ten "un modelo cultural propio baseado na confianza e no orgullo de termos unha cultura de noso, que nos diferencia como pobo e que nos sitúa no mundo en pé de igualdade con outras culturas". Couto mencionou, ademais, os tres eixos nos que se fundamenta a política cultural da Deputación: a lingua, a que cualificou como "o noso gran tesouro identitario e piar irrenunciable no noso modelo cultural"; unha visión da cultura con capacidade de transformación social, para avanzar en cuestións básicas para a cidadanía como a igualdade, a cohesión social ou a inclusión; e o territorio, tecendo redes desde a proximidade, da man de concellos, entidades e colectivos e creadores e creadoras".

Ademais das intervencións institucionais do presidente da Deputación e do deputado de Cultura, durante o acto tamén interviron unha pequena representación de comisarias e xurados: a xornalista María Obelleiro, en calidade de xurado do Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade, o fotógrafo Xurxo Lobato, en calidade de comisario do Premio Luis Ksado de creación fotográfica, a xornalista Susana Pedreira, en calidade de comisaria do Premio Torrente Ballester de narrativa, e a xornalista Teresa Cuíñas, en calidade de xurado do Premio Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais.

A Gala estivo presentada polas actrices Carmen Méndez e Lidia Veiga, e contou coas actuacións do contador Celso F. Sanmartín e da formación musical Son Trío, composta polas músicas Su Garrido Pombo (voz) Katerina Linke (piano), e Susana Blanco (cello). Todas as persoas premiadas recibiron unha escultura creada ad hoc pola artista Soledad Penalta. Tamén participaron nunha acción colectiva no escenario, colocando cada unha delas unha luz para contribuír a iluminar a escenografía que compoñía as letras DACCULTURA. Unha acción que complementaba o fotocol instalado no vestíbulo do Teatro e que estaba realizado a base de bombillas led e un neón alusivo aos Certames DACCultura.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X