Estás en:Emprego Novas

A Deputación permitirá aos concellos destinar parte dos fondos do Plan Único a financiar os gastos derivados da suba do prezo da luz e dos carburantes

Mañá ás 9.00 horas abre o prazo de solicitudes das axudas da Deputación para pequenas empresas, microempresas e profesionais autónomos da provincia dos sectores agrícola, gandeiro, pesqueiro e de transporte de mercadorías por estrada, especialmente afectados pola alza dos combustibles e subministracións derivadas da guerra de Ucraína

As axudas, de 3.000 euros por beneficiario, serán concedidas por orde de entrada ata o esgotamento dos cinco millóns dispoñibles

A Deputación permitirá aos concellos destinar parte dos fondos do Plan Único a financiar os gastos derivados da suba do prezo da luz e dos carburantes

A Deputación da Coruña permitirá aos concellos da provincia destinar parte dos 87,9 millóns de euros do Plan Único (POS+2022) a financiar os gastos derivados da suba da factura eléctrica e carburantes.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, anunciou hoxe que a partida adicional de 42 millóns de euros do POS+ aprobada o pasado mes de marzo, en principio reservada exclusivamente ao financiamento de obras e investimentos nos 93 concellos coruñeses, poderá destinarse tamén a financiar gastos correntes como a factura eléctrica ou o gasto en combustibles, que veñen experimentando importantes incrementos tras a invasión rusa de Ucraína.

"Estes gastos disparáronse nos últimos meses e supoñen un serio problema económico non só para as familias e as empresas, senón tamén para os concellos, que cada vez deben destinar máis recursos para pagar as facturas de luz e carburantes", afirmou o presidente, que explicou que ante "a situación excepcional" que atravesamos, o goberno provincial modifica as bases do POS+ para "apoiar os concellos nesta situación excepcional", permitindo que poidan destinar parte dos fondos a pagar as facturas de luz e carburante.

"Unha vez máis, o Plan Único demóstrase como unha ferramenta útil e eficaz para atender as necesidades dos municipios coruñeses, que son os que deciden o destino dos fondos en función das súas necesidades", afirmou Formoso, que lembrou que o POS+ permite aos concellos financiar obras, servizos, gasto corrente ou gastos sociais.

O vicepresidente e responsable da área de Plans, Xosé Regueira, afirmou que a Deputación posibilita que todos os concellos da provincia teñan capacidade de investimento e que sexan capaces de aprobar os seus investimentos sabendo sempre cal é a achega económica da Deputación cada anualidade, "mais tamén procuramos estar sempre atentos ás necesidades puntuais e ás dificultades económicas que estresan as arcas municipais para darlle saída".

"O Plan Único demostra a súa utilidade, eficacia, e tamén o seu dinamismo, ao permitir que este ano puntualmente os concellos fagan fronte á factura enerxética para servizos básicos como poden ser o alumeado público ou infraestruturas como polideportivos ou piscinas. Deste xeito, o gasto enerxético súmase ao criterio de investimento en obras financeiramente sostibles", afirmou.

Abren as axudas para o sector agrogandeiro, pesqueiro e do transporte

A Deputación da Coruña abre tamén mañá xoves, 28 de abril, a partir das 9.00 horas, o prazo para solicitar as subvencións do programa urxente de axudas directas a pequenas empresas e autónomos do sector agrogandeiro, pesqueiro e do transporte de mercadorías por estrada, sectores estratéxicos na provincia gravemente afectados pola suba do prezo dos carburantes e as consecuencias económicas da guerra de Ucraína.

O programa está dotado cun orzamento de 5 millóns de euros e contempla axudas de 3.000 euros por beneficiario, que serán concedidas por orde de entrada ata o esgotamento do crédito.

"Son axudas de carácter urxente, que queremos tramitar coa maior axilidade posible porque somos conscientes da difícil situación que atravesan as pequenas empresas e autónomos destes sectores. Para iso, aproveitaremos a experiencia adquirida pola Deputación durante a pandemia co programa Reactiva de axudas á hostalaría", afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

O prazo medio des pagamento das axudas á hostalaría en 2021 foi de 7 días, chegando a alcanzar un tempo mínimo de sete horas desde a solicitude ata o cobro, un récord na tramitación de subvencións da Deputación. O obxectivo é que o programa beneficie a preto de 1.700 pequenas empresas e autónomos destes tres sectores.

Así, as persoas e empresas que desexen optar ás axudas unicamente deberán acceder á convocatoria co código MUR-COMB_SUBM/2022 na plataforma SUBTeL (sede.dacoruna.gal/subtel) e presentar a seguinte documentación:

· Certificado de Situación Censual da Axencia Estatal Tributaria actualizado.

· Certificado de Vida Laboral do/a autónomo/a actualizado onde conste a data de alta no RETA, no caso de persoas físicas.

· Documento que acredite a representación, no caso de persoas xurídicas e/ou físicas que actúen a través de representante.

· Información dos datos bancarios onde se ingresará a axuda.

Este programa urxente de 5 millóns de euros súmase ás axudas para pemes, autónomos e emprendedores do PEL-2022, destinadas a todos os sectores, que contan cun orzamento de 7,2 millóns de euros e cuxo prazo de solicitudes está aberto ata o 11 de maio. Inclúen axudas á contratación de persoal, ao investimento e para subvencionar as cotas de autónomos á Seguridade Social.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X