Estás en:Emprego Novas

A Deputación financia as obras de mellora da piscina municipal de Vilarmaior

As tarefas permitirán acondicionar o solo, o mobiliario e as instalacións, así como mellorar o mantemento químico do vaso da piscina

Instalaranse máis elementos de protección ante riscos laborais, entre eles unha gaiola que envolva os chanzos para acceder á sala de bombas ante posibles caídas

O convenio de cooperación entre ambas institucións aprobarase mañá no pleno

A Deputación financia as obras de mellora da piscina municipal de Vilarmaior

A Deputación da Coruña e o Concello de Vilarmaior colaboran para mellorar o funcionamento das instalacións da piscina municipal. O convenio de cooperación entre ambas institucións conta cun orzamento de 57.404 euros e será financiado nun 80% (45.923 euros) polo ente provincial.

O pleno da corporación provincial dará mañá luz verde ao investimento, que permitirá incrementar a seguridade das persoas usuarias e traballadoras nas instalacións, ofrecendo deste xeito un servizo óptimo neste espazo recreativo.

As tarefas que se han executar na piscina inclúen o acondicionamento do equipamento para garantir a correcta conservación do lugar e o seu bo funcionamento. Así pois, fixaranse os motores das bombas de pulsión que na actualidade presentan certas deficiencias neste aspecto debido á humidade e ao cloro. Desta forma, darase solución ás deficiencias que se traducen en ruídos e vibracións que, co paso do tempo, producirían desaxustes na instalacións.

Tamén se actuará nas válvulas, filtros, bombas e demais compoñentes do sistema de filtración, que están oxidados e non desenvolven de forma correcta a súa función. Os traballos para solucionar esta problemática permitirán cambiar unha das bombas, varias válvulas e a área dos filtros. Ademais, renovaranse dez portas corredoiras, reixas de ventilación e un banco de madeira por uns novos de aluminio. A piscina tamén verá mellorado o seu solo, coa reposición de lousas en mal estado.

A Deputación e Concello incrementarán a través deste proxecto a seguridade das persoas que traballan na piscina a través de actuacións que permitirán reducir o risco de accidentes. Exemplo disto é a creación dunha gaiola metálica semicilíndrica que envolva os chanzos plásticos polos que se descende para acceder ao cuarto de bombas para ofrecer unha protección fronte a posibles caídas.

Á súa vez, tamén se eliminará un revestimento de aluminio que ameaza con descolgarse nun dos corredores cubertos do inmoble. Este substituirase por un enfoscado tradicional de morteiro de cemento acabado con pintura.

O mantemento químico da piscina tamén se mellorará coa colocación dun sistema electrónico de control que dosifique os compostos. A día de hoxe, este exercicio realizábase de forma manual.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X