Estás en:Emprego Novas

Ana Díaz presenta o seu jazz de raíces galegas no Maio Jazz 2022

A segunda cita do ciclo do departamento de Cultura da Deputación da Coruña está programa para o domingo 15 de maio, ás 20 horas, no Teatro Colón da Coruña. As entradas, de balde, xa se poden retirar na web do teatro

Ana Díaz presenta o seu jazz de raíces galegas no Maio Jazz 2022

O jazz de raíces galegas de Ana Díaz soará no Teatro Colón da Coruña o domingo 15 deste mes, ás 20 horas, na que será a segunda cita do Maio Jazz 2022, programado pola área de Cultura da Deputación. As entradas, de balde, para este concerto e para todos os do ciclo, xa se poden retirar na web do teatro.

A nova compositora e intérprete galega, a quen acompañará a guitarra de Diego Divito, presentará, na que vai ser a súa primeira actuación na súa terra, os temas do seu disco "Maloserá", un traballo que reflicte a súa aposta por unha música que pretende situar Galiza no panorama do mundo globalizado. Por iso, os seus concertos se presentan como unha experiencia plurilingüe pero que non perde o sabor da terra. Desa fusión coa súa formación en jazz e soul nacen cancións contemporáneas e internacionais cun forte carácter persoal.

A música de Ana Díaz xira arredor de temas como o amor ou a desigualdade, debullados a través da súa experiencia persoal, sempre na procura da catarse do público, que poderá empatizar coas emocións da cantante recoñecendo nelas as propias.

O Maio Jazz 2022 arrancou o pasado 1 de maio co trío Sumrrá, que presentou o seu disco "7 visións" nun sentido recital. As seguintes citas do ciclo serán, tamén no Colón ás 20 horas, as de Xan Campos Trío, o 22 de maio, e da Orquestra Galega de Liberación, o 29 de maio.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X