Estás en:Emprego Novas

Caamaño&Ameixeiras, Berto, Mario G. Cortizo e Xacobe Martínez Cuarteto Federal, primeiras Residencias Artísticas Mariñán

Un xurado conformado por Patricia Hermida, Marta Gómez e Marc Lluis Lloret, e presidido por Xurxo Couto, seleccionou as catro propostas que desenvolverán as súas estadías creativas en Mariñán nesta primeira convocatoria

O dúo Caamaño&Ameixeiras será a formación musical que inaugure este novo programa da área provincial de Cultura, cunha estadía que se desenvolverá entre o 16 e o 22 de maio. A seguinte semana será a quenda de Berto, mentres que Mario G. Cortizo e Xacobe Martínez Cuarteto Federal desenvolverán as súas respectivas residencias no mes de novembro

Caamaño&Ameixeiras, Berto, Mario G. Cortizo e Xacobe Martínez Cuarteto Federal, primeiras Residencias Artísticas Mariñán

Caamaño&Ameixeiras, Berto, Mario G. Cortizo e Xacobe Martínez Cuarteto Federal son as catro formacións musicais seleccionadas para participar na primeira edición das Residencias Artísticas Mariñán dedicadas á produción musical. Foron seleccionadas por un xurado composto por Patricia Hermida, experta en management musical, avogada e presidenta de AGEM, por Marta Gómez, xornalista e divulgadora musical, e por Marc Lluis Lloret, músico e director artístico de Mercat de Música Viva de Vic. Tamén participaron o deputado de Cultura, Xurxo Couto, en calidade de presidente, e a xefa de sección de Cultura e Deportes, Manuela Muñiz, en calidade de secretaria. Na xuntanza tamén estivo presente a comisaria das Residencias Artísticas Mariñán de Música, Aitana Cuétara.

Tras a xuntanza do xurado, Xurxo Couto amosou a súa "satisfacción por acadar un dos obxectivos principais desta convocatoria, que era o de dar cabida á diversidade cultural e creativa do momento". Neste sentido, o deputado explica que as catro formacións seleccionadas "son moi heteroxéneas tanto a nivel conceptual como en estilo, o que encaixa perfectamente coa nosa idea de promover a creación en galego cunha visión contemporánea e consciente".

O dúo Caamaño&Ameixeiras será a primeira formación musical que desenvolva a súa estadía artística no Pazo de Mariñán, entre o 16 e o 22 de maio; seguida de Berto a seguinte semana, do 23 ao 29 de maio. Mario G. Cortizo desenvolverá a súa estadía entre o 7 e 13 de novembro, e Xacobe Martínez Cuarteto Federal entre o 21 e 27 de novembro.

As residencias inclúen a dotación material necesaria para o desenvolvemento do proxecto, a manutención e aloxamento no Pazo de Mariñán para as persoas participantes; así como un acompañamento e seguimento do proxecto por parte da comisaria das residencias que ten por obxecto facilitar a viabilidade de cada unha das propostas e a súa inserción no contexto musical profesional, para o que se facilitará formación específica para a profesionalización e a distribución do proxecto e xuntanzas con axentes culturais e programadores.

Convén lembrar que as Residencias Artísticas Mariñán nacen como unha nova iniciativa da área de Cultura da Deputación da Coruña, co obxecto de incrementar a súa liña de apoio á creación, complementando outras iniciativas xa existentes como son as convocatorias de premios, correspondentes a un amplo abano de disciplinas artísticas. Concretamente no eido da música, son tres as convocatorias: o Premio Andrés Gaos de composición musical, o Premio Fran Pérez 'Narf' para artistas e grupos musicais, e o Premio Quero Cantar para bandas infantís e xuvenís.

Propostas seleccionadas

Caamaño&Ameixeiras. O dúo afronta a internacionalización do seu proxecto e nesta residencia desenvolverán aspectos técnicos e escenográficos que verán a luz no seu vindeiro traballo discográfico. Para isto, indagarán en fontes de musica tradicional de cara definir o argumento conceptual do disco.

Berto. O proxecto de Berto nace en solitario pero afronta o seu futuro próximo en formato banda. Nesta residencia reformarán o seu son e a súa posta en escena de cara a creación dun espectáculo que tenta redefinir as dúas facetas que emerxen da súa música: a introspectiva –de carácter máis intimista-, e a virada cara ao baile – na que introduce a fusión e a electrónica-.

Mario G. Cortizo. O seu proxecto de percursión pretende ser unha ponte entre a percusión tradicional e música contemporánea. Un espectáculo avalado por coproducións internacionais e no que colaboran artistas galegos no ámbito da escenografía.

Xacobe Martínez Cuarteto Federal. O proxecto Cuarteto Federal parte da unión de músicos da periferia da Península para tentar crear nexos coa improvisación jazzística como fío condutor. Un proxecto que conta co apoio de certames e festivais do xénero e do que sairá unha gravación fonográfica.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X