‘O Son das letras’ chegará a Brión, Vimianzo e A Coruña coa soprano Clara Jelihovschi e a pianista Marianna Prjevalskaya
A igrexa de Bastavales, o Castelo de Vimianzo e o Teatro Colón serán os escenarios nos que se desenvolverá un amplo programa de música clásica
Os tres recitais serán ás 20:00 horas e o acceso é libre ata completar aforo
A área de Patrimonio da Deputación aposta pola música clásica para impulsar o programa 'O Son das letras', que chegará ao Concello de Brión, na igrexa de Bastavales, o 17 de maio conmemorando o Día das Letras Galegas; ao Concello de Vimianzo, no Castelo, o 4 de xuño e ao Concello da Coruña, o 25 de xuño no Teatro Colón.
Os tres recitais serán á mesma hora, ás 20:00 horas da tarde, e o acceso é libre ata completar aforo. As protagonistas serán a soprano Clara Jelihovschi e a pianista Marianna Prjevalskaya. "Con este ciclo continuamos apostando por vincular a nosa riqueza patrimonial con disciplinas artísticas, neste caso a música, para achegalo á cidadanía desde outros prismas" asegura o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas. No caso concreto de 'O Son das letras' tamén contribúe a descentralizar a oferta musical, combinando infraestruturas culturais habituais, como é o caso do Teatro Colón, con outros lugares menos comúns como son a igrexa de Bastavales de Brión ou o Castelo de Vimianzo.
No programa executaranse pezas como "Mercè dilette amiche", de Giuseppe Verdi; "Tu che di gel sei cinta" de Puccini; "Rosa de abril", de Andrés Gaos; "Campanas de Bastavales", de Cameyro o "Soedades", de Marcial del Adalid. Ata un total de catorce pezas nuns escenarios únicos na provincia.
Nada en Moldavia, Clara Jelihovschi realizou amplos estudos como solista de canto, directora de coro, profesora de música e pianista acompañante no Conservatorio Estatal de Chisnau. Tras a súa gradación en 1994, continuou a súa formación na Universidade de Música de Bucarest, onde obtivo o Título Superior de Canto e o Máster de Solista. Como profesional, interveu na filharmónica "G. Enescu" de Bucarest, e entre os anos 2000 e 2004 formou parte da "Operettenbuhne Wien", orquestra que levou a cabo numerosas xiras por Alemaña, Austria, Suíza, Holanda, Dinamarca, Xapón, China, Francia e Italia. Desde o 2007, afincada en España, participou en numerosos concertos e recitais en distintos puntos do país. Así mesmo, colaborou como solista en varios concertos coa Orquestra Sinfónica de Galicia, a Banda Municipal da Coruña e a de Santiago de Compostela, ademais de con múltiples coros e agrupacións de prestixio. Actualmente é a directora do Coro de Madrigalia, na Coruña, e tamén a directora e profesora da escola musical Actual Music, situada na mesma cidade.
Marianna Prjevalskaya actuou con orquestras de renome como a Cincinnatti Symphony Orchestra, a Louisiana Philarmonic Orchestra, a Galicia Symphony Orchestra e a Korean Symphony Orchestra, colaborando con importantes directores como Ion Marín, Roberto Trevino, Carlos Prieto, Clemens Schuldt, David Danzmayr ou Max Bragado. Como solista, deu recitais en salas como a Mozarteum de Salzburgo, a Accademia Santa Cecilia de Roma, no Teatro Goldoni de Florencia ou no Minato Mirai Hall de Yokohama. Gañou a medalla de ouro e os primeiros premios no Concurso Internacional de Piano de Nova Orleans en 2014, no Concurso Mundial de Piano de Nova Orleans en 2014, no Concurso Mundial de Piano de Cincinnatti en 2013 e no Concurso Internacional de Piano Premio Jaén en 2011. O seu álbum para o selo Naxos foi lanzado á venda en 2012 e o disco dedicado a Rachmaninov para o selo Fanfare Cincinnati foi publicado en 2016 e eloxiado pola crítica de Estados Unidos e España.