A primeira Residencia Artística Mariñán, xermolo do vindeiro traballo discográfico de Caamaño&Ameixeiras
O deputado de Cultura, Xurxo Couto, visitou esta mañá ao dúo artístico que está a desenvolver a primeira das estadías en Mariñán, na que están a investigar elementos tradicionais nos que basear o seu novo disco
Contan coa colaboración da deseñadora lucense e gañadora do premio Mercedes-Benz Fashion Talent, Melania Freire, para o deseño dun vestiario e escenografía singularizadas
O pasado luns arrancou a primeira das estadías correspondente ás Residencias Artísticas Mariñán dedicadas á produción musical. O dúo composto por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras son as primeiras residentes, que ao longo desta semana, están a utilizar o espazo de Mariñán para investigar os elementos tradicionais nos que basearán o seu próximo traballo discográfico. Ademais de varias sesións de formación complementarias, tamén están contando coa colaboración da deseñadora lucense e gañadora do premio Mercedes-Benz Fashion Talent, Melania Freire, para o deseño dun vestiario e escenografía singularizadas e acordes ao concepto que defina o disco.
"Desde a área de Cultura defendemos un modelo de política cultural que ten moi en conta o apoio á creación e aos procesos creativos, e non só ao resultado final" asegurou Xurxo Couto durante a visita. O deputado provincial lembrou que a posta en marcha das Residencias Artísticas é unha nova liña de traballo no apoio á creación, que vén unirse á convocatoria de certames e, neste sentido, indicou que "pensamos que é fundamental que as institucións públicas creemos contextos favorables para que creadores e creadoras poidan desenvolver o seu talento e as súas propostas nas mellores condicións".
Tras coñecer de primeira man o proceso de creación e investigación no que están inmersas Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, Xurxo Couto explica que "están traballando nunha proposta que bebe da tradición galega e dos arquivos sonoros galegos, que se vai desenvolver nunha linguaxe contemporánea e que vai dar moito que falar nos vindeiros tempos".
Convén lembrar que as Residencias Artísticas Mariñán contemplan o acompañamento e seguimento do proxecto por parte da comisaria, co obxecto de facilitar a viabilidade de cada unha das propostas no contexto musical profesional. Para isto, facilítase formación específica para a profesionalización e a distribución do proxecto e xuntanzas con axentes culturais e programadores. Neste contexto, nesta primeira residencia realizouse unha sesión con Carlos Barral – tivo lugar na tarde de onte-, responsable da axencia asturiana El Cohete, e manager de Rodrigo Cuevas desde os seus inicios, unha parte fundamental da súa meteórica carreira desde a música tradicional ata os mercados máis diversos e importantes de todo o mundo. Na súa asesoría deulles claves sobre a importancia do desenvolvemento conceptual, a coherencia no discurso e a construción da identidade propia para medrar de xeito sostible e constante. A través da súa experiencia co caso de Rodrigo Cuevas, axudou ás artistas a entender cal é o camiño profesional que queren seguir, aumentando así a súas ferramentas de proxección.
Na xornada de mañá contémplanse dúas sesións máis. Unha a cargo de Eugenio González, programador e director de comunicación do festival La Mar de Músicas, organizado polo Ayuntamiento de Cartagena, un dos festivais estatais máis relevantes e referente na programación de propostas que reinterpretan a música de raíz desde unha óptica contemporánea. Na súa asesoría ofrecerá claves sobre como preparar unha proposta, o seu material promocional e a súa distribución para entrar en festivais de tanto impacto como La Mar de Músicas. A segunda sesión versará sobre comunicación dixital e está enfocada á difusión da proposta musical nas novas canles de comunicación e RRSS para chegar ao público máis novo e fidelizar novas audiencias.
A vindeira semana, chegará ao Pazo de Mariñán Berto para desenvolver a súa estadía do 23 ao 29 de maio, e no mes de novembro será a quenda de Mario G. Cortizo e Xacobe Martínez Cuarteto Federal.