A Deputación financia a reforma e ampliación do edificio de Protección Civil da Picota, en Mazaricos
A administración provincial aporta o 80% do orzamento do proxecto, que ascende a 125.000 euros
Valentín González Formoso e Juan José Blanco Riveiro asinaron hoxe o convenio de colaboración para o financiamento das obras
Os traballos consistirán no incremento do volume do edificio existente, a substitución da cuberta e a creación dunha nave auxiliar
A Deputación da Coruña financia o proxecto para a reforma e ampliación do edificio de Protección Civil da Picota, no Concello de Mazaricos. A actuación conta cun orzamento de 124.999 euros dos que a administración provincial aportara 100.000 euros, o 80% do total.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco Riveiro, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para o financiamento das obras, que teñen como obxectivo optimizar a funcionalidade e operatividade dos servizos de obras e de protección civil, os cales comparten as instalacións na actualidade. Ademais, é necesario dispoñer de máis espazo xa que a brigada de obras tivo que trasladar parte dos materiais que almacena a unha nave próxima en réxime de alugueiro.
Os traballos a levar a cabo, atendendo a estas necesidades citadas e ás demandas do persoal, consistirán, por unha banda, no incremento do volume do edificio existente mediante a execución de dúas ampliacións destinadas a mellorar a operatividade dos servizos de Protección Civil. Deste xeito, crearase unha nova estanza entre o acceso e o corpo posterior para albergar unha cociña con zona de estar e habilitarase outro espazo entre os corpos de cocheiras e o posterior que se usará como almacén e garda de cans. Ademais, modificarase a distribución interior creando unha zona de lavado e secado de roupa, outra de almacenaxe de equipos e roupas de traballo, e as cocheiras transformaranse nunha área de organización.
Por outra banda, a proposta prevé manter a estética exterior do edificio aínda que se substituirá a cuberta plana sobre o acceso e zona de control por outra a unha auga como prolongación da que se sitúa sobre as cocheiras, co fin de solucionar as filtracións de auga que se producen actualmente.
Proxéctase, así mesmo, unha nave auxiliar acaroada ao edificio e que se destinará ao almacenamento de material e estacionamento de vehículos, cunha parte destinada a Protección Civil mentres que o resto será para o uso por parte da brigada de obras municipal.