A Deputación destina 1,5 millóns de euros para apoiar a actividade de 148 entidades sociais da provincia
O Boletín Oficial da Provincia recolle a concesión provisional das dúas liñas de axuda para financiar o mantemento de centros, programas e servizos, así como investimentos para mellorar o equipamento e desenvolver iniciativas
A deputada provincial Ana Lamas explica que "estas axudas representan a importante aposta social que se está a levar a cabo desde a Deputación nos últimos anos"
A Deputación da Coruña destina 1,5 millóns de euros a 148 entidades sociais da provincia para o mantemento dos seus centros, programas e servizos, así como para dar apoio a investimentos e iniciativas.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) recolle hoxe a concesión provisional de dúas liñas de axudas coas que o ente provincial promove o traballo que se realiza desde as entidades sociais, "fundamentais para garantir o estado de benestar e protexer os dereitos da cidadanía", indicou Ana Lamas, deputada de Benestar Social. "Estas achegas representan a importante aposta social que se está a levar a cabo desde a Deputación nos últimos anos, a máis grande da súa historia, cun orzamento que coloca as persoas no centro das nosas políticas para que ninguén quede atrás", subliña.
A través do programa para o mantemento de programas e servizos sociais concedéronse, de xeito provisional, 73 subvencións a entidades, que suman un orzamento de 793.903,22 euros. As axudas van desde os 320 euros ata os 24.000 euros e financian, entre outros, programas de rehabilitación para persoas con diversidade funcional, de terapia con cans para o fomento de inclusión na infancia ou de rehabilitación para persoas con parálise cerebral.
Por outra banda, no programa para dar apoio a investimentos concedéronse provisionalmente 75 axudas, das que 3 están condicionadas á presentación de documentación a maiores, e que suman un orzamento de 698.285,85 euros. Estas subvencións van desde os 426 euros ata os 33.000 euros e abarcan proxectos como a reparación da cuberta do centro de día de Amicos en Boiro, o traslado do centro de atención de día integral ARELA a un baixo accesible ou a adquisición de material informático para diferentes centros.
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/05/20/2022_0000002808.html
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/05/20/2022_0000002793.html