O reto da sustentabilidade nos festivais, a debate na Xornada ‘A Cultura é un Dereito’ da Deputación
Baixo o título 'Impacto positivo: unha alianza festivais - administración' reuniu a representantes de diferentes festivais da provincia nunha xornada de traballo e reflexión sobre os obxectivos da Axenda 2030
Na xornada presentouse a 'Guía sobre festivais e sustentabilidade', editada pola Deputación da Coruña como un manual de utilidade para axentes responsables de eventos e co obxectivo específico de mellorar as alianzas coa administración como cofinanciadora dos festivais
O deputado de Cultura, Xurxo Couto, e a comisaria María Baqueiro, abriron esta mañá a Xornada 'Impacto positivo: unha alianza festivais - administración' que tivo lugar na Deputación e que contou coa asistencia de representantes de diversos festivais da provincia. Trátase da xornada que abre este ano o ciclo 'A Cultura é un Dereito', o programa da área provincial de Cultura dedicado especificamente á reflexión e ao debate sobre diferentes aspectos da cultura e das políticas culturais do país.
"A idea desta xornada é que todas as medidas que contribúen a mellorar a sustentabilidade se incorporen nos festivais nos vindeiros anos" asegurou Xurxo Couto durante a súa intervención. Coa Axenda 2030 como marco de traballo, o foco dos relatorios profesionais centrouse no obxectivo 17, que versa precisamente sobre alianzas para acadar a sustentabilidade. Neste sentido, Xurxo Couto lembrou que a Deputación da Coruña incorporou nas súas liñas de subvencións a festivais, FO221 e FO223, certos criterios de sustentabilidade para a concesión das mesmas, adquirindo o compromiso de acompañar a todas as entidades e concellos solicitantes na consecución e cumprimento de novos obxectivos. Son preto de sesenta festivais os que se beneficiaron destas dúas liñas de cofinanciamento nas últimas edicións.
Pola súa banda, María Baqueiro explicou o traballo xa iniciado a través do Pacto Cultura Sustentable subscrito o pasado ano por parte de 27 festivais do país e que "continúa dando pasos adiante a través de administracións como a Deputación da Coruña que establece marcos de traballo como o que hoxe nos reúne aquí para ir avanzando cara a formatos e métodos máis acordes coa sustentabilidade". A comisaria da xornada explicou que a transversalidade da Cultura unido ao gran número de aspectos que afectan á sustentabilidade –consumos enerxéticos, de auga, residuos, patrimonio, accesibilidade, diversidade funcional, igualdade- implican unha serie de retos que fan necesario conectar diferentes perfís profesionais. En xeral, a xornada abordou propostas en positivo sobre experiencias profesionais que están a mudar as formas de traballar, hábitos e comportamentos, desde diferentes ámbitos relacionados coa organización de eventos.
A xornada "Impacto positivo: unha alianza festivais-administración" contou con intervencións de Jone Pérez, enxeñeira química, asesora de empresas en xestión sustentable e colaboradora da organización internacional A Greener Festival; Pablo Galindo, doutor en Socioloxía pola Universidade de Granada na
que é profesor titular, director da Fundación Music for All e autor, xunto con Diego Ferrón, da Guía de accesibilidade e inclusión en festivais de música en España; Nuria Díaz, ambientóloga, con ampla experiencia no ámbito da xestión
ambiental municipal e socia fundadora de EcoEvent, e Nuria Balboa, arquitecta, especialista na xestión técnica de eventos e colaboradora dalgúns dos festivais máis recoñecidos do país.
A xornada tamén incluíu un obradoiro dirixido pola comisaria María Baqueiro e por Giada Calvano, cofundadora de Chloe Sustainability, consultoría que acompaña a organizacións culturais e creativas no seu camiño cara a sustentabilidade, e investigadora e docente do Programa de Xestión Cultural da Universidade de Barcelona. Tamén se presentou a Guía sobre festivais e sustentabilidade, editada pola Deputación como un manual de utilidade para axentes responsables de eventos e co obxectivo específico de mellorar as alianzas coa administración como cofinanciadora dos festivais.