Os certames de poesía e o seu impacto na literatura en galego, a reflexión na vindeira xornada ‘A Cultura é un Dereito’
Terá lugar na Casa de Cultura de Carral o vindeiro 9 de xuño e reunirá a editores e editoras, entidades convocantes de certames e autores e autoras gañadores de diversos premios do país
A asistencia é gratuíta e o aforo limitado, e a inscrición debe realizarse a través do formulario habilitado en www.aculturaeundereito.gal
'Os certames de poesía como motores dunha literatura propia' é o título da vindeira sesión do ciclo de xornadas 'A Cultura é un Dereito', o programa que promove a área de Cultura da Deputación da Coruña co obxecto de reflexionar sobre diferentes aspectos da cultura de noso e abordar estratexias para o seu desenvolvemento. A xornada, que está comisariada polo técnico cultural e presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Carlos Lorenzo, terá lugar o vindeiro 9 de xuño na Casa de Cultura de Carral e reunirá a editores e editoras, entidades convocantes de certames e autores e autoras gañadoras de diversos premios do país. A asistencia é gratuíta e o aforo limitado. A inscrición á xornada debe realizarse a través do formulario habilitado para tal fin na páxina www.aculturaeundereito.gal
O deputado de Cultura, Xurxo Couto, lembra que "a Deputación da Coruña leva anos facendo unha aposta clara pola creación a través dos certames literarios, entre os que se conta o González Garcés de poesía", e neste sentido indica que "nun momento de mudanzas nos hábitos do público lector e no consumo de produtos culturais, vemos necesario analizar o impacto que os certames teñen no sistema literario e o seu peso real na promoción da creación". Así, nesta xornada abordaranse cuestións como o fomento da escrita e da lectura deste xénero e o comportamento do sistema literario galego, entendido como a relación entre a edición e a recepción das obras entre o público.
O programa da xornada comezará coa presentación do estudo 'Os certames de poesía en Galicia: unha análise das convocatorias actuais', a cargo de Carlos Lorenzo, e continuará cunha mesa redonda na que participarán os editores Miguel Anxo Fernán Vello de Edicións Espiral Maior, Henrique Alvarellos de Alvarellos Editora, e Fran Alonso de Edicións Xerais. Seguiralle unha mesa redonda que baixo a epígrafe 'Chámome poeta e preséntome a concursos' reunirá a Miriam Ferradáns, Emma Pedreira e Xerardo Quintiá, e que estará moderada pola editora e poeta Dores Tembrás.
A quenda de tarde comezará coa presentación dos Premios de Poesía do Concello de Carral e o Miguel González Garcés da Deputación da Coruña, e continuará coa conferencia '25 anos da poesía galega' a cargo de Yolanda Castaño. A xornada rematará coa mesa redonda sobre 'O futuro dos premios de poesía' na que participarán Elvira Riveiro Tobío - Premio Eusebio Lorenzo Baleirón-, Gil Ares -premios Manuel Leiras Pulpeiro e Díaz Jácome-, e Sonia García -Premio Concello de Vilalba- e que estará moderada polo poeta Eduardo Estévez.
Tras a clausura, terá lugar o concerto 'Treides comigo!' de Xoán Curiel en instalacións anexas á Casa da Cultura, e aberto ao público en xeral.