O coworking do Pazo de Arenaza organiza unha nova LaconNetwork, a primeira da era postcovid
As LaconNetwork son eventos de networking nos que se reúnen persoas emprendedoras do ámbito tecnolóxico
Esta nova edición terá lugar o venres 27 de maio
O vindeiro venres, 27 de maio, celebrarase a primeira edición da LaconNetwork da era postcovid no coworking do Pazo de Arenaza, espazo pertencente a Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña.
Este evento de networking é o encontro con maior traxectoria no panorama empresarial galego, xa que leva conectando proxectos con persoas emprendedoras desde o ano 2010, así como organizando eventos mensuais (Lacon MonthEnds) que a día de hoxe son referencia nacional. De feito, no ano 2019, coincidindo coa apertura ao público do coworking do Pazo de Arenaza organizouse no mesmo espazo unha Laconetwork á que asistiron máis de 50 persoas empresarias e emprendedoras do eido tecnolóxico de toda Galicia.
En palabras de Frankie Gómez, fundador e impulsor das LaconNetwork, "este evento aglutina o tecido TIC de Galicia baixo un paraugas informal pero moi estable polo que pasaron máis de 200 emprendedores e máis de 100 proxectos que participan de forma recorrente".
Por mor da COVID-19 as LaconNetwork quedaron pausadas nos últimos dous anos, retomando a actividade o vindeiro venres. As 14.30 horas terá lugar o xantar de networking nas instalacións do Pazo de Arenaza.
Para participar nesta nova edición da LaconNetwork é requisito indispensable a inscrición previa a través da seguinte ligazón:
https://laconnetwork.moncake.com/reservas/actividades/lcn-monthend-pazo-de-arenaza