Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña e os concellos de Brión e Ames organizan os días 10 e 11 de xuño a segunda edición de ‘Altamira Brilla’

O programa de actividades inclúe a presentación no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, do proxecto e posta en valor das Torres de Altamira e dos traballos de investigación para a elaboración do plan director das Torres

A entrada para a representación da batalla e para os concertos é de balde, con reserva previa na web www.woutick.es

A Deputación da Coruña e os concellos de Brión e Ames organizan os días 10 e 11 de xuño a segunda edición de ‘Altamira Brilla’

'Altamira Brilla', a festa histórica do val da Maía, que organizan a Deputación da Coruña e os concellos de Brión e de Ames para conmemorar a histórica Batalla de Altamira, chega esta semana á súa segunda edición. Serán dúas xornadas de actividades, os días 10 e 11 de xuño, nun amplo programa que inclúe a presentación no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, do proxecto e posta en valor das Torres de Altamira, tamén dos traballos de investigación que se están levando a cabo para a elaboración do plan director das Torres, unha ruta histórica, a representación da batalla a cargo do grupo Os Quinquilláns e os concertos de Caldo e de Grande Amore.

Na presentación do programa, o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Lois Penas, destacou que "a batalla de Altamira é un dos feitos máis importantes da historia da comarca e do país, por iso esta festa avanza outro paso na mellora e posta en valor das Torres, un monumento que ten que ser referencia na comarca, coa dimensión histórica e cultural que merece". "Queremos que 'Altamira Brilla', engadiu, "sexa vivido e sentido como propio por toda a veciñanza da comarca e tamén polas persoas que queiran achegarse e participar neste encontro que quere recuperar a nosa memoria histórica".

Este ano cúmprese o 551 aniversario da batalla ao pé das Torres de Altamira, un monumento patrimonio da Deputación da Coruña considerado Ben de Interese Cultural e situado nun espazo privilexiado que o converte en magnífico miradoiro sobre o Val da Maía. Construídas no século IX, as Torres de Altamira foron derrubadas no século XIV e construídas de novo en 1471.

PROGRAMA
Venres 10
20 horas (Pazo da Peregrina, en Ames). Presentación do proxecto e posta en valor das Torres de Altamira e das investigacións e os avances nos traballos para a elaboración do plan director das Torres, nunha sesión na que intervirá o arquitecto Mario Crecente.

Sábado 11
9.30 horas. Ruta teatralizada polos escenarios da batalla en territorio dos concellos de Ames e Brión. O autobús que recollerá os participantes sairá da Carballeira de Santa Minia, en Brión, ás 9.30, e do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ás 9.45. Para reservar, as persoas interesadas en participar deberán enviar unha mensaxe, onde indicarán o nome, apelidos e DNI, ao seguinte correo electrónico: rutabatallaaltamira@gmail.com

19.15 horas. Sairán desde a Carballeira de Santa Minia, en dirección ás Torres de Altamira, os autobuses para acudir á representación artística da batalla e aos concertos programados, xa que non se permitirá acceder con vehículos particulares. A entrada é de balde con reserva previa na web www.woutick.es.

20.30 horas. Recreación teatral da Batalla de Altamira a cargo da compañía Os Quinquilláns.

21.45 horas. Concerto de Caldo.

22.30 horas. Concerto de Grande Amore.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X